Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS
Promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización lingüística e máis o Foro E. Peinador, entidades que se veñen distinguindo pola súa galeguidade e eficiencia (entendida esta no aspecto de capacidade para producir un efecto real e non un van ilusionismo), estase a levar adiante, coa colaboración económica da Secretaria Xeral de Política Linguïstica da Xunta de Galicia, a realización dunha nova fase, ampliada, da exitosa campaña da galeguización publicitaria para divulgar as nosas mellores mercadorías autóctonas polo mundo. Bos amigos, preocupados polos logros culturais e materiais deste exuberante país atlántico, así como da nosa fermosa lingua orixinaria que convive nesta patria coa castelá, seguen a informarme da rotulación galega dos nosos sobranceiros viños nas súas peculiares variedades en Galicia. E ademais, nesta ocasión, veñen comunicarme non, soamente, a continuidade da acertada promoción dunha Colleita 2009 Máis galega, en relación coas nosas adegas de maior excelencia, senón dunha outra dimensión dirixida a fomentar a etiquetaxe en galego tamén en toda unha serie de diversos produtos selectos baixo o enxeñoso lema En galego con moito gusto.
A respecto dos nosos caldos, destácanse na vistosa circular emitida polo correo tradicional e pola Rede, algúns parágrafos que deben ser relembrados, como o de que moitos adegueiros "exportan os seus viños con etiquetas en galego alén das nosas fronteiras, da mesma maneira que os consumidores galegos consumimos produtos etiquetados en idiomas diversos. Porque reforzar o prestixio é aumentar a fiabilidade e a confianza". Ou que "suliñar a imaxe dun país co seu sinal de identidade máis característico --a lingua-- é un factor de enorme relevancia que é valorado polos cidadáns. As estratexias de marca-país aparecen con maior énfase como reacción ante a globalización, xa que os países e rexións son cada vez máis conscentes da importancia da súa imaxe e da súa reputación, ou sexa, da súa identidade". Cómpre dicir, como me indica Xosé González Martínez, que dos 430 adegueiros que hai en Galicia, 170 dos máis destacados xa etiquetan en galego.
No que fai á gama doutras mercadorías elaboradas coas excelentes materias primas do país, se nos subliña, baixo o rótulo A igual calidade en galego, que "Galicia debe apostar por reforzar as denominacións de orixe co sinal de identitidade máis sobranceiro de noso: a lingua galega. Isto mesmo fan moitos fabricantes dos países integrados na Unión Europea etiquetando os viños, champáns, whiskys, perfumes e cosméticos nas linguas de orixe. Abonda con reparar nos escaparates dos máis variados establecementos esparexidos pola xeografía galega". En cousa duns días, seralles enviada ás asociacións promotoras da convocatoria da manifestación en prol da lingua galega unha outra circular pedíndolles que se dirixan aos seus siareiros para que consuman produtos etiquetados en galego. Tamén recibirán cadansúa os secretarios xerais dos partidos parlamentarios e sindicatos. Nestes días chuventos e fríos que andan a nos ir levando cara ao portal do inverno, na silandeira penumbra das antigas adegas, con pipas de rexa madeira recendentes a aire impregnado de resecos caldos, ou nas refulxentes instalacións modernas de asépticos brillos de aceiro inoxidábel, o viño se purifica, entre ansias de trasfegos, vencida xa a primeira fermentación. É un bo tempo festivo para pensar, como di o vello amigo, que se cadra entre todos, consumidores, somos quen de galeguizar a economía. E, tal como están as cousas, non só no senso lingüístico.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado