Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS

PARA O SÁBADO os homes da parroquia decidiron facerlle unha batida ao raposo. Xa o viñan pensando desde había polo menos un mes, pero non daban xuntado o número de persoas para que llela autorizasen. Non lles resultaba doado porque todo o mundo prefería andar aos coellos ou ás perdices. Para máis, nas últimas semanas aparecera unha bandada de pombos e para eles representaba un reto ao que poucas veces se podían enfrontar. O domingo anterior, sen ir máis lonxe, o Pepe e o Rubén tiveron a sorte de dar cun bando: mentres uns quedaban no aire uns poucos pousaban para logo remudarse entre eles. Era dificilísimo velos e fóranos seguindo toda a mañá até que por fin conseguiron matar dous. Así e todo, deron xuntado as doce persoas que precisaban e o domingo, cos papeis en regra e ben equipados, saíron ao frío da mañá.
Os cans andaban coma tolos a uliscar os rastros e por fin deron sinal de algo. Nunha chousa bastante grande e amparado por unhas mestas silvas agachárase un animal. O señor Antonio estableceu a estratexia e mandou colocar as escopetas de xeito que o bicho non tivese escapatoria. Sería polas once da mañá, os cans procuraban entrar naquel mato, pero axiña saían escorrentados. Ao cabo dunha hora decatáronse da razón: non se trataba dun raposo senón dun xabaril enorme que viron escapar a todo correr sen que ninguén conseguise darlle. Xa estaban todos desanimados e dispostos a cambiar de sitio, cando observaron que os cans insistían no seu empeño e non saían do lugar; coñécese que se agachara outro xabaril naquela espesura, así que decidiron tomar precaucións. Volveron revisar a estatexia e agardaron tensos, cadaquén no sitio marcado para facerlle a espera ao animal. Ninguén lle quitaba ollo a aquel mato de silvas que tiñan ben rodeado. Os cans ladraban sen atreverse a entrar. Contra as cinco da tarde viron saír o animal coma un lóstrego. Foi o señor Antonio quen o matou dun só tiro. Logo marcharon comer uns bocadillos ao bar, pero non fachendeaban da peza cobrada, só tiñan permiso para cazar raposos.
Escritor

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado