Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
O pasado día 30, a piques de se nos esvaer un ano máis, lin a Vicente Araguas. Souben así que ós de Voces Ceibes lles van adicar unha rúa en Compostela. Pois qué ben. Hai anos, cando daquel recital-homenaxe que deron e que se lles deu no Auditorio de Galicia, recibín a chamada dun deles, dun dos membros de Voces Ceibes, pedíndome que acodira ó recital e que me sentara entre o público. "É que nos puxeron coma única condición que ti non estiveras entre nós e, claro, dannos (eiquí unha bonita cifra) pesetas, que nunca tantas nos deron, e non podemos dicir que non; pero falamos entre nós e se estás sentado nunha butaca chamamoste dende os esceario pra que subas e te deamos a homenaxe que te mereces". Agradecinllo moito, pero non fun, claro. Daquela eu era malo. Agora seica xa volvo ser bo, así que igual me volven chamar. Témome que, neste caso, tampouco iría.
Iría, iso si, escoitar un pequeno recital dado, eu qué sei, no Bodegón do Compostela, por exemplo, pois que foi nel onde se fundou aquel movemento que nunca navegou ó rumbo pretendido, nin sirveu de catalizador na medida que algúns soñamos que o sería. Lástima. Non penso escribir daquelo. Total pra qué.
Se o de darlle o nome de Voces Ceibes a unha rúa vai en serio, que deber, debera, non estaría de máis que se lles dera outra homenaxe, a parte deste da propia rúa co seu nome. Pero esta vez facilitándolles ese pequeno recital, dado pra un pequeño grupo de amigos, poisque poucos éramos e igual xa non lle importa tanto a tanta xente coma o noso conxénito optimismo nos facía ver daquela. Logo, se queren, que graben o recitaliño e o emitan pola Tele que algunha máis audiencia si ha ter que nun recital-recital, dado con moita parafernalia e requilorio. Ademáis eu así sería un dos que incrementesase o share.
Qué axiña se van corenta anos! A mín, por caso, deume tempo pra agotar dous matrimonios, ter tres fillas, disfrutar de catro netos e escribir moito, tanto como que vou xa camiño dos corenta libros, nesta pequena lingua na que a penas leu nunca ninguén e na que, polas trazas que leva a cousa, cada vez ha ser menos xente a que o faga. Corenta anos de Voces Ceibes. Aí é nada. Estabamos tan na inopia que eramos quen de ir rondar de noite ás mozas pra, en vez de boleros con letras que as namorasen, cantarlles o monólogo do vello traballador. Estaban tamén tan na inopia algunhas delas que mesmo tamén se namoraron. As máis escachabanse coa risa. Constatalo á volta de tantos anos produce rubor alleo. Pero tamén tenrura. Éramos así. O pior de todo é que igual o seguimos sendo. O finado do meu pai diría desto que se trata dunha condición do animal. Non quero dicir con isto que fósemos uns animaliños. Tampouco que non haxa xente que o pense así. Alá ela.
ac@alfredoconde.com

¿Deixádeme ser libre? Sí, pero...
Mensaje a los cabestros: "Así, no"
Pintada ‘sobre mojado’ en Compostela
Ensucian la imagen de un lugar turístico