Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS
A humanidade, que tivo horrores establecidos no seu comportamento comunal, como a ofrenda de mozas e mozos aos deuses, conserva aínda a lapidación, morte producida polo impacto das pedras contra unha condenada -case sempre é muller, que o cordel creba polo máis delgado- que non pode defenderse. Ligada ao fanatismo relixioso, a Sharia islámica, é unha ameaza aínda. No ano 2002, o caso da nixeriana Amina Lawal, sentenciada por adulterio e concepción dun fillo fóra do matrimonio, mobilizou as conciencias máis avanzadas no respecto aos dereitos humanos e grazas a este progreso puido salvar a súa vida. Estes días, en Tarragona, unha musulmana acusada de adulterio sería lapidada se non conseguise escapar dos nove homes que a cativaran e agocharse nunha comisaría.
Afortunadamente podemos gabarnos de que no noso mundo non pasa iso, que nós temos abolido moitos costumes bárbaros e moitas tradicións perniciosas. Boaventura teñan as sociedades que estudan o comportamento dos que nos precederon para desbotar feitos que noutro momento se viron como cousa normal. ¿Había conciencia moral sobre o trato dos escravos? ¿Horrorizábase a gran maioría dos brancos cando lles prohibían aos negros sentarse con eles nos autobuses ou compartiren as escolas? ¿Víase a perversidade que tiña o feito de que unha muller non puidese votar ou non fose quen de administrar os seus bens?
Coa barbarie como tema chegou a facerse arte. Rembrandt deixou un magnífico cadro coa lapidación de San Esteban, un protomártir cristián liquidado por blasfemo. Máis o gran pintor non está implicado na fazaña, non fai máis que expresala de xeito que nos conmova coa carga ética de que cousas así non deben aceptarse moralmente. Traio isto a conto, porque hai moita xente que cavila que os costumes e tradicións deben manterse sen pararse a analizar a oportunidade das mesmas desde a óptica do avance da civilización. Eis as touradas nas que se sacrifica un animal, expondo ademais a vida o seu matador, e todo dun xeito tremendamente cruel. E aínda lle chaman arte e tradición perpetuable. Non sei que se diría se se conservase como diversión aquel circo romano onde o pasaba tan ben a xente (panem et circenses) vendo descuartizarse humanos entre si ou caendo na dentame e nas poutas duns leóns famentos. Pero afortunadamente isto acabouse.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado