Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS

QUEDOU moi sorprendida cando a súa amiga Marina a chamou para parolar un pouco. Vense moitas veces, pero nesta ocasión pareceulle notar algo raro na voz, coma se estivese preocupada. Lola aceptou porque, ademais, tiña unha moi boa noticia que comunicarlle. Despois dos primeiros saúdos e de comentar como lles ía nos traballos, Marina virouse triste. Con grande esforzo por coutar os saloucos que se lle agarraban á gorxa a piques de saír, explicoulle que as cousas co seu home non marchaban ben nos últimos tempos. O Pepe quedara sen traballo e desde que lle cerraran a fábrica era outra persoa, difícil de recoñecer. Berraba con ela seguido polas cousas máis parvas e mesmo unha vez chegou a levantarlle a man.
Esa noite ela colleu a pequena e marchou para a casa de súa nai. Se non llo impediu o home foi porque estaba tan borracho que non daba nin a pé nin a man. Ao día seguinte volveron á casa. Parecía que non había ninguén, pero non era así, o Pepe estaba durmindo a borracheira.
Contra as doce espertou coma un can adoecido e os berros oíanse en todo o edificio. Pasaron dúas semanas e a convivencia era moi tensa ao punto que a nena procuraba apartar de seu pai por medo. Estaba indecisa. Súa nai dicíalle que tiña que denuncialo, pero ela resistíase porque o home non era mala persoa e, sobre todo, seguía queréndoo. Tamén pola nena que preguntaba seguido se o pai estaba enfermo e cando curaría. O de dicirlle que estaba enfermo fora idea dela para explicarlle dalgunha maneira que non era o de sempre.
Lola escoitouna con atención. Non sabía que aconsellarlle, pero deixoulle ben claro que non lle permitise nunca que a maltratase nin a ela nin á cativa e ofreceuse a falar cunha avogada que coñecía e que levaba ese tipo de casos. Logo seguiron falando doutras cousas intranscendentes, pero notábase ben que a Marina non tiña a cabeza naquela conversa. Cando se despediron quixo saber cal era a boa noticia que lle ía contar. A Lola non lle pareceu o momento de dicirlle que para o verán habería voda.
Escritor

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado