Sábado 20.03.2010
| Actualizado 14.52
Hemeroteca web
|
RSS
Como as palabras se aprenden en contextos, para min psicotecnia significou moito tempo "lugar no que se venden bocadiños". Tamén puido significar "local que queda entre os dous edificios de Maxisterio onde alumnas e alumnos poden verse un cuarto de hora para trafegar con bocadiños preparados polas alumnas para que despois, elas e eles, fagan excursión a fin de curso". Pero non. Ao tecnicismo do pomposo réxime e formación raquítica púxenlle definición curta.
Fixera o bacharelato por libre e as aulas nas que se dispensaba ensino alternativo eran mixtas. Despois ás rapazas ensinábanselles cousas do fogar e unha "formación do espírito nacional" específica, porque elas e eles eran preparados para roles diferenciados. Eles, para heroes, pensadores ou traballadores asalariados. Elas, para amas de casa. Daquela época conservo a aprendizaxe de encher de auga os cacharros luxados para que os refugallos da comida non apegasen. Aos homes da casa, ensinéillela eu, pero non sei se todas tiveron tal previsión.
Hoxendía, o ensino por separado parece anticonstitucional, pois fai segregación discriminatoria por razón de sexo. Pero seica algúns centros -quedo dunha peza ao enterarme de que en Galicia son sete polo menos- volven xebrar rapazas e rapaces para lles proporcionar unha educación máis adecuada. Nalgún caso xa teño lido que se trata de lles axudar a "os" porque está hoxe demostrado que "as" están trunfando e por algo será. O máis chamativo é que moitos destes centros están recibindo axudas públicas nas etapas da educación concertada, o que quere dicir que a cidadanía está pagando unha excepcionalidade que vai contra todas as normas de convivencia aceptadas xa comunmente e botando por terra as campañas de sensibilización contra a discriminación por razón de xénero: publicidade, xoguetes, labores domésticos, paridade nos cargos públicos...
O máis curioso deste caso é que os políticos, que cobran por nos gobernaren a todos, miran para outro lado e seguen consentindo este arcaísmo elitista e trasnoitado. A non ser o goberno de Cantabria que, desde o seu silenzo nortesío e como quen non quere a cousa, acaba de decretar que aos centros que fagan esta segregación non se lles prorrogarán os convenios. ¡Manaia os gobernantes que fan pouco ruído e soltan noces!
Coches en las aceras de Teo
Una verja rota y peligrosa
Nevera enchufada a xestas
Basura acumulada en Arzúa