Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Escribeu Joseph Joubert que pra poder pór remedio a unha situación triste hai que ter sangue frío e que, pra pensar de modo axeitado nunha cousa seria, é conveniente estar alegre. En fin, que se non o escribeu así exactamente, si que o escribeu máis ou menos así e o que non queira entendelo non o ha entender nen sequera millor dito e expresado.
Atravesamos tempos tristes; é dicir, situacións difíciles que nos fan ferver o sangue e non producen en nós o que esteamos contentes coma unhas pascuas, precisamente. Cómo porlle entón remedio a situación tamana e como pensar seriemente nelo estando como estamos mergullados na tristeza. Pois nin se sabe. Pero eu sospeito que non debe ser poñendo cara de cenizo
Circulou un chiste ó longo dos xa lonxanos tempos do franquismo nos que un policía, farto de escoitar a un discrepante e sen embargo amigo, acabou por lle recomendar a este que viaxase menos e lese máis os periódicos ou vise os telexornais, pra se convencer de que a realidade era a que pintaban uns e outros e non a que el afirmaba contemplar nas súas múltiples viaxes ó longo da entón chamada pel de touro.
Agora cóntanse ben menos chistes ca antes, non sei por qué. Pero ó millor debera empezar a circular algún no que á oposición política ó goberno de quenda se lle aconsellara contemplar máis a realidade e menos o manual do opositor correspondente. O chiste valería pra calquer oposición á sazón actuante. Abonda con que un pase do goberno á oposición ou da oposición ó goberno pra que os discursos, sempre os mesmos a despeitro da realidade, se intercambien e todo siga igual.
Agora imos ter ocasión de comprobalo novamente. Ogallá que empecen a circular chistes, de novo e millor canto máis antes, a fin de quea tristeza se desvaneza permitindolles ós amos dos partidos pensar en cousas serias na debida forma e enfriándolles o sangue pra lle pode por remedio á triste situación que atravesamos.
Só así se poderá anovar o discurso político e aclarar o panorama. Así e cun cambio de modo e actitudes do novo goberno, non só da oposición. O pior que nos podería pasar a todos é que resultasen ser os de sempre só que adornados con traxes novos, con independencia de que uns e outros calzasen boinas ou birretes. A democracia debe ser aburrida, si. Pero non tanto, rediola, non tanto.

¿Deixádeme ser libre? Sí, pero...
Mensaje a los cabestros: "Así, no"
Pintada ‘sobre mojado’ en Compostela
Ensucian la imagen de un lugar turístico