El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ notas de actualidade }

HELENA VILLAR JANEIRO

Os froitos do monte na cociña

07.10.2011 
A- A+

AMORODOS, arandos, amoras, uvas de sabugueiro, abruños, hérvedos... Eis algúns froitos do noso monte que están ao alcance de todos, promoven o lecer ao aire libre, saen de balde e poden usarse con éxito na cociña. De sumo interese gastronómico e salutífero, non foron tratados con elementos químicos, son ricos en vitaminas e teñen poder contra os radicais libres que traen moi preocupada á nosa sociedade que, como nunca, busca a xuventude eterna... Hainos tamén máis exóticos, aínda que se poden dar nalgún dos nosos microclimas ou ser cultivados: grosellas, frambuesas e incluso mirtos.

As amoras son as máis frecuentes. Formaron parte do noso divertimento infantil, facéndonos choscar os ollos cando eran acedas e luxando as mans e a roupa. Entraban tamén nos xogos dos namorados. "...amoriñas das silveiras/ que eu lle daba ó meu amor,/ camiñiños antre o millo,/ ¡adiós, para sempre adiós!" (Rosalía de Castro). Os froitos do monte son un símbolo da natureza virxe e un reclamo para que os paxaros axuden á conservación do ecosistema.

Sobre a súa gastronomía acaba de saír do prelo de Alvarellos Editora 50 recetas con moras y otros frutos silvestres, da autoría de Xesús Fraga, escritor e xornalista que coñeceu os usos culinarios que a estes froitos se lles dá noutras latitudes e aprendeu cedo a se desenvolver con eles entre fogóns. Hoxe é bastante habitual que os homes se interesen pola cociña caseira e este mozo organiza e resume a súa habelencia no manexo desta materia prima dun xeito ameno e con exposición moi clara nas receitas. O libro está arriquecido con abondosas fotografías de calidade.

Aínda que o nome que aparece no título é o das amoras, o libro ocúpase tamén dos outros, aderezados e utilizados en cru ou cociñados de diversas maneiras, tanto en pratos doces como salgados, acompañando carnes e peixes ou en sobremesas como doces e compañeiros de lácteos. Non esquece o autor o tempus fugit e preocúpase, ademais do uso de temporada, de explicar como mantelos en conserva segundo diversos procedementos. Aconsella na elaboración de suntuosos licores, que era entre nós a maior frecuencia de uso, o emprego en refrescantes bebidas e mesmo a creación de vinagres aromáticos. Verbo das amoras, dá tamén un consello para utilizar partes da silva como infusión. Unha alegría para os ollos e a cociña.

Escritora