Jueves 09.02.2012
| Actualizado 21.10
Hemeroteca web
|
RSS
AO POUCO tempo de iniciada a Transición democrática, un xornalista preguntáralle ao entón presidente do Goberno, Adolfo Suárez, pola cooficialidade das outras tres linguas que se falaban no Estado. A resposta do político abulense non puido ser máis desafortunada xa que dixo que o catalán non servía para dar a coñecer áreas científicas coma a física e que debía de reducirse ao campo da literatura.
Algo semellante lle está a suceder ao Goberno galego cando quere obrigar a impartir as áreas de ciencias en castelán, materias que algunha persoa coma Gloria Lago se atreveron a cualificar de materias numéricas. En menos dun ano, o galego retrocedeu en máis de tres décadas por decreto e queren retirarlle parte da categoría cultivada ao longo de séculos.
Lexislar que o galego non serve para impartir matemáticas, física ou bioloxía non só é unha paletada, propia de quen descoñece as máis elementais canles polas que discorre o camiño histórico dunha fala, senón tamén un atentado contra a liberdade de expresión. Sirva como exemplo que o primeiro libro de matemáticas para o ensino apareceu en 1980, elaborado por un grupo de profesores que se englobaban dentro do colectivo Vacaloura. O devandito texto estaba perfectamente elaborado, tanto dende o punto de vista académico coma lingüístico, e foi considerado un instrumento extraordinariamente útil para o coñecemento desta área polos rapaces galegos da época.
Pero malia ter magníficos exemplos da utilidade do galego no ámbito científico, o conselleiro de Educación Xesús Vázquez non para de darlle patadas á lingua galega, co ánimo de facela desaparecer definitivamente, algo que non conseguiu o franquismo durante 40 anos. Tamén a ditadura por medio dalgúns dos seus membros máis destacados, entre eles o seu director xeral de prensa Juan Aparicio, quixo impedir a evolución normal da fala rosaliana, cando nos anos 50 lle deron un toque de atención a Ramón Piñeiro por traducir filosofía de prestixiosos autores europeos ao galego. A historia repítese e pretenden que os galegofalantes lle rendan honores á que eles consideran lingua superior.
Con todo, aínda falta a resposta dos docentes, moitos deles galego falantes. A pregunta que nos facemos moitos e se de verdade se vai obrigar aos mestres a impartir as materias de ciencias nunha lingua distinta a que viñan a empregar actualmente. E neste sentido entra un intríngulis que deixa outro impresionante baleiro legal e o que deberían responder os xuristas. Se se obriga ao emprego do castelán en determinadas materias non se estaría a conculcar a liberdade de expresión?
Periodista

Pintada ‘sobre mojado’ en Compostela
Ensucian la imagen de un lugar turístico
Una cabina destrozada para Negreira
Una cuneta convertida en vertedero