Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Cantas máis voltas lle dou, menos xustificacións atopo para o feito de non lle gardar memoria a algunhas persoas que lle achegaron a súa obra e o seu amor a esta terra. A memoria malférese coas lanzadas do esquezo na señardade derradeira. O pasar do tempo, a amnesia establecida no pretérito e máis aínda a amnesia fomentada no presente ten que se tentar vencer pola gratitude e polas lembranzas positivas de quen viviron para o ben e a creación, non para o odio e a destrución. Máxime se nos referimos a xentes sobranceiras dos ámbitos da cultura (letras e ciencias) nos que cada evocación e cada fundada conmemoración deben acompañárense de celebración e de renovados estudos en xornadas e congresos. Por iso, hoxe, eu quero lamentar aquí a ingratitude cometida (sobre todo por significadas institucións ás que pertenceu en vida) con respecto ao nomeado poeta Aquilino Iglesia Alvariño, a quen o xornalista Raimundo García Domínguez (Borobó), director que foi deste xornal, cualificou nun dos seus Anacos como "O Señor das palabras". Unha distinción na que ao seu xuízo se fundían, acertadamente, a súa singular creatividade lírica co sabio coñecemento das peculiaridades da lingua naqueles seus eidos lucenses. Cumpriuse no pasado ano, pois, con máis pena que gloria (así hai que dicilo), o centenario do nacemento de Iglesia Alvariño na Casa da Pedrosa, en Seivane, parroquia da San Xoán de Vilarente, concello de Abadín, e non o 12 nin o 10, senón de certo o 11 de xuño de 1909.
Había algo como de premonitorio no senso fatal que caracterizaba ao sentimento da soidade e do esquezo nun dos dous poemarios finais [o outro é Nenias], que o poeta Aquilino Iglesia Alvariño publicara, ben pouco antes do seu falecemento, co título Lanza de soledá, e que para min reviste [con De día a día] un marcado interese de entre o conxunto de toda a súa obra. Aquel volume de versos, que fora celebrado por voces principais da nosa literatura, era como un presaxio do silencio. E neste senso, nun intre da súa tese doutoral sobre Poesía de Aquilino Iglesia Alvariño, o profesor Luciano Rodríguez da UDC maniféstase a respecto do sucedido nos anos que virían "logo de saír o libro e morto o poeta, a época de silencio comeza. E será durante anos a voz que se oia: a voz do silencio". Soidade, silencio, esquezo provocado, arrodean a esta prestixiada figura das nosas letras.
¿Como lexitiman o seu arredamento da organización de algún acto a celebrar, no seu pasado centenario, as entidades culturais que el honrou co seu talento? Luís González Tosar, que escribe de par desta páxina, ten feito recordación dende o Centro PEN e persoalmente, en dous ou tres artigos, da óptima oportunidade de que esas entidades culturais incorporasen algunha actividade académica na súa memoria. Non foi así. Algo inexplicábel viñera, nesta altura, como a querer nin deixar o seu paso pola vida, tal que dicía naqueles versos: "Siquera un rastro" -el pensa- algún carreiro,/ pero un trebo tenaz bórraos. Á hora/ non queda máis señal por onde eu fora/ que a que deixa unha sombra de ameneiro".
A comezos deste 2010, o Centro PEN púxose en contacto co Ateneo de Santiago para levar adiante unha sesión de lembranza e de homenaxe acerca da notábel significación poética do poeta Aquilino Iglesia Alvariño na literatura galega, algo así como un encontro literario e un merecidísimo acto de reparación. Niso estamos.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado