El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

notas de actualidade

HELENA VILLAR JANEIRO

A literatura e Os Ancares

28.05.2010 
A- A+

PON ANCARESA, unha amiga moza tamén de alí invítame a tomar parte nunha mesa na que se vai falar da Serra dos Ancares. É un traballo para presentar na Facultade de Ciencias da Comunicación ao final da carreira e ela ponlle a ilusión que se precisa xa para emprender unha carreira profesional dedicada á radio. Eu debo aportar ao grupo a visión literaria dos Ancares telúricos, case míticos. Os outros participantes afrontarán temas de supervivencia da xente que continúa naquel difícil edén, poboación á que cada vez lle é menos doado atopar unha maneira digna de vivir do traballo agrícola e gandeiro, que é o seu.

Fronte ao profesor e ao alumnado, quedei máis descolocada que de ordinario. Escritoras e escritores estamos máis afeitos a participar en debates relacionados co que facemos, non a poñer aspectos estéticos onda os problemas reais. Pero había que saír do paso. Falei das lendas máis divulgadas, a do lobishome e a da doncela-cerva, das que se teñen ocupado estudosos como Xosé Manuel González Reboredo. Logo das cantigas, recollidas en parte por Dorothy Schubert e Antón Santamarina (O cancioneiro popular galego). Agradecín a presenza de escritores que visitaban a serra con frecuencia e a min ma valoraban moito, entre eles, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro e José Mª Castroviejo... De Ánxel Fole hai páxinas becerresas en Contos da néboa ('O can que sentía saudades'), pois don Saturnino correspóndese moi ben cun veciño moi instruído e peculiar, relacionado coas leis, que calzaba zocas de zapatilla e levaba sempre capa. Álvaro Cunqueiro cita un manancial que apagou a sede de moitos viaxeiros en San Pedro, cerca de Pedrafita, en Os outros feirantes ('Piñeiro e as fontes'). Tamén hai unha novela de Xurxo Borrazás (Ser ou non) cun espazo narrativo nas lindes dos Ancares con Navia de Suarna.

Tirando para o Cebreiro, o cume e a igrexiña quedaron na poesía épica de Ramón Cabanillas (Na noite estrelecida), que os incorpora así á lendaria materia de Bretaña. Pero a literatura coa que eu sentín a emoción estética e telúrica da Serra dos Ancares non foi escrita en Galicia. En A lenda de Gösta Berling, da Nobel norueguesa Selma Lagerlöf, os personaxes da miña terra vivían nunha réplica dos bosques de Vërmland. Foi con esa lectura coa que aprendín a localizar o meu mundo nun marabilloso espazo literario.

Escritora