Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS

Calquer día destes empezarán a agromar as follas dese árbol que teño perto do amplo ventanal do estudio e que non sei cómo se chama malia ós meus esforzos en sentido contrario. Os habituais destes outros días saben del que o arrinquei, sendo aínda moi cativo, na campa embaixo da que xace o corpo de Matsuo Bashô, alá no Koya San, no monte sagrado dos nipóns, no mesmo cume no que descansan os corpos dos emperadores e os poetas.
Daquela o arboriño viaxou na miña balixa, envolveitas as súas raiceiras en algodón humidecido, podadas as súas pequenas ponlas, entre os pantalóns e algunhas outras e aínda máis pedestres prendas interiores, entobado do mesmo xeito que
"Na casa do canteiro
florecen os crisantemos
entre as pedras"
se me deixan que recupere un dos haikus de Bashô, o mestre máximo da súa composición.
Que agromen as follas do árbol sen nome; tamén as do arce que está tras del e que chegou removido pola mesma intención seguindo senón o seu mesmo camiño, si ánimado por idéntico proceder dende a tumba praguense de Kafka; ou que o fagan as da figueira, que han ser coma orellas dun rato agachadizo e timido, todas elas renacidas, non ha constituir máis que o anuncio da primavera, a significación do paso do tempo, un haiku máis, se mo permiten, porque daquela eu recitarei así, pra consolarme:
Arríncome as canas;
Baixo da miña almofada
Canta un grilo".
E saberei así que a vida retoma o seu pulso, que todo inza e medra, transformándose de novo en si mesmo. Tal sucede no "caduceo"; ou sexa, na vara de Hermes, no símbolo hermético por excelencia, dúas serpes enroscándose sempre arredor dela, significando o poder de atar e desatar, a continuidade establecida entre o caos e o cosmos, esas cousas que nós non entedemos e nembargantes suceden.
En resume, todo por non atallar e decirlles que hai uns días foi a candearia, a festa da luz renacida, o día no que casaban os paxariños, según se afirmaba cando eu era neno e semella que agora se está esquecendo. Medra a luz e renace a vida. Átanos e desátanos o curso das estacións, as idas e vidas dos ceos diáfanos e puros, a choiva manancial que enche os rios e os desborda, nunha plenitude que agradece o corazón e celebra o sentemento. Menos mal que non cantan os crisantemos e florecen os grilos. Anque calquera sabe. En Ascó ou en Cuenca pode suceder calquera cousa, calquer día.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado