Miércoles 19.06.2013
| Actualizado 08.59
Hemeroteca web
|
RSS
A DON MANUEL FRAGA, cando foi presidente da Xunta de Galicia, envieille unha carta (fará dez anos en setembro) acerca dun caso de instalación eólica en zona habitada. Nesa xestión coincidían un interese persoal e, ao tempo, a repercusión nun sector veciñal da parroquia de Lampai, no concello de Teo. Dicíalle, daquela, que unha fonda preocupación me levaba a cometer o atrevemento de enviarlle un artigo xornalístico encol da ocupación por aeroxeradores en zonas poboadas publicado nesta sección de "No pasar dos días".
Comunicáballe que –tanto no aspecto colectivo como no estritamente privado– viviamos unha situación de indefensión diante da devastación que afectaba ás inmediacións de algo tan entrañábel como o propio fogar, restaurado conforme á mellor tradición, no seo dunha aldea ao pé dun singular monte con fermosa paisaxe pola estrada de Padrón. Máis adiante, engadía que a enerxía eólica debe ser explotada en parques [de maior potencia e menor extensión] lonxe de núcleos rurais poboacionais, que non resulten lesivas para a sociedade á que deben beneficiar. Na contorna da urbe universal de Compostela, patrimonio da humanidade e por onde pasan milleiros de viaxeiros, non se comprenden este tipo de abusivas actuacións, cando debería contar cun radio de 20 kms. dun réxime de protección especial neste senso. "Xulia e mais eu" –facíalle saber– "estamos a vivir días de gran desolación. Un desasosego que anda a incidir xa na miña creatividade literaria e na miña precaria saúde. Sr. Presidente, non ocupo máis o seu valioso tempo. Sei que percibe a seriedade do problema e iso nos fai confiar na súa posible resolución". Sometida de inmediato a estudo, aquela tentativa non se considerou procedente, e, no fermoso monte que garda, con outros, o lugar de Beitureira, non foi adiante en aras da xustiza e da racionalidade. Nese picouto de par do antigo camiño medieval a Portugal, por onde a capela de Santa Ana e O Mosteiro, proxectábase un miradoiro de amplo panorama.
Bruscamente, sen embargo, este ano periga doutra volta o xeito de vivir nestes núcleos rurais, o patrimonio histórico, o valor das propiedades, os montes madeireiros, a riqueza da fauna silvestre que aínda sobrevive, a xa difícil normalidade das telecomunicacións, a silandeira paz e a beleza destas terras ameazadas agora por unha empresa co brutal emprazamento dunha planta eólica que, en vez de prolongarse cara ao suroeste por deshabitados montes padroneses, ven estenderse cara ao nordés teense pola parroquia de Lampai, en zona habitada e traballada. Ninguén está contra a enerxía eólica, senón contra as instalacións social e ambientalmente agresivas; financiadas, por riba, con subvencións (cartos de todos); refugando o pago dun canon, e coaccionando con subir prezos aos consumidores.
Hoxe temos un novo Presidente de Galicia, Alberto Núnez Feijóo, que con ese senso de bo goberno que o caracteriza en tantas decisións parece ter as ideas claras neste aspecto. Manteñamos a esperanza.
Da Real Academia Galega

19.06.2013
Basura tirada a pocos metros de una papelera
Exigen la limpieza de pistas y aceras en Ames
Pista con muy baja visibilidad por la maleza
Falta de mantenimiento en muchas aceras
Tapas de alcantarilla que son un peligro