Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS

O sociólogo brasileiro Gilberto Freyre dedicou hai unha restra de anos un estudo antropolóxico-social á formación da familia brasileira sob o réxime de economía patriarcal (léase escravista). Ese libro, intitulado Casa GrandeSenzala, chegou ás miñas mans por xentileza do poeta inglés -nado en Vilanova dos Infantes- Paulino Vázquez, e deume unha idea bastante precisa desa realidade humana coagulada na historia que chamamos Brasil, erguida sobre os cementos da casa grande do facendeiro ou do enxeño de azúcar e a senzala (poubea de escravos pretos). Freyre achega curiosas noticias que ilustran as relacións sadistas entre amo e escravo e que deixaron secuelas contemporáneas: "Ainda hoje é corrente a prática de lascar-se o pião". A dicir verdade o autor excédese atribuíndo á escravatura esa brincadeira vixente ata hai pouco en Ourense, onde tamén xogabamos a "quilar" o pión dos outros meniños malia sermos todos brancos e escravos unicamente da malicia infantil. Maior interese reviste o xuízo positivo do sociólogo sobre o dato constatable de que no Brasil colonial e do imperio había numerosa prole enxendrada por cregos. "Salientan filhos e netos de padres na política, nas letras, na diplomacia". Seica foron alí raros os eclesiásticos que permaneceron estériles, contribuíndo ao aumento da populación e reproducíndose en estirpe de cualidades superiores, visto que eran exemplares -en sentido darwinista- seleccionados polo seu especial intelecto. Aplicándonos o conto, cómpre lembrar que a nosa escritora nacional, Rosalía de Castro, naceu desa privilexiada semente. Na Galiza do Antigo Réxime as taxas de fillos ilexítimos concibidos por abades e fámulas alcanzaron cifras espectaculares pero o contributo ao progreso do país deses "sobriños" de crego está por estudar. Mágoa que nos tempos correntes incen os pederastas nun estamento antes inclinado á euxenesia.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado