El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ CRÓNICAS INVISIBLES }

QUIQUE ALVARELLOS

90 anos da editorial Lar

25.11.2014 
A- A+

Este sábado día 29 cúmprense noventa anos dende a publicación do primeiro libro da editorial Lar. Esta empresa cultural, ubicada no número 36 da rúa Real da Coruña,  foi o primeiro proxecto editorial moderno en clave galega. Unha fazaña histórica en plena ditadura de Primo de Rivera. O director e propietario era Leandro Carré Alvarellos, e o cofundador, Ánxel Casal Gosende. Hoxe, todo o mundo lembra a Ánxel Casal, mentres que Carré sempre quedou ficado no esquecemento.  O investigador Xosé Manuel Maceira Fernández leva moitos anos documentando a historia dos Carré, dende os tempos daquela Cova Céltica da Coruña a finais do século XIX, ata a Transición no XX; tentando rescatar, sobre todo, a figura única de Leandro Carré Alvarellos (1888-1976).

Nesta liña encóntrase o libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso no que teño a honra de participar como editor xunto co Centro Ramón Piñeiro. O libro sae á venda xustamente neste noventa aniversario da editorial Lar. Presentarase mañá mércores no Ramón Piñeiro e a súa portada é unha homenaxe á primeira capa daquela editorial na Galicia de 1924.

A novela A miña muller abría a colección.  O autor, un escritor e xornalista de éxito: Wenceslao Fernández Flórez. Con esta obra comezaba a que se chamaba a colección de novela curta. O deseño da capa pertencía a Camilo Díaz Baliño quen, á súa vez, recreaba nela uns bocetos de menhires que fixera Leandro Carré.

Novelas urbanas, curtas, a prezos axeitados (30 céntimos) e que interpretaban o que eles chamaban “sentimento da terra”. Publicábanse cada quince días, e logo mensualmente. Esta era a estratexia comercial da editorial Lar. O obxectivo: popularizar, estender e divulgar o interese pola literatura galega.

Noventa anos despois, se alguén puxese en marcha un proxecto editorial, debería planificar unha estratexia similar. Isto quere dicir que el estaba totalmente acertado, mais, tamén, que hoxe seguimos quizais co pau na mesma roda.

O proxecto de Lar na Coruña durou catro anos. Publicáronse uns 40 títulos de novela curta e as tiraxes dalgúns alcanzaban os 3.000 exemplares.  En 1927 Leandro Carré e Ánxel Casal sepáranse e este último montará despois unha versión de Lar en Santiago chamada Nós, no número 15 da rúa do Vilar. A guerra ía trastornar axiña todo... mais hoxe é preciso lembrar a figura de Leandro Carré e aquel Lar que cimentou a nosa cultura hai xusto 90 anos. 

Editor e xornalista