Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
crónicas invisibles

Histórica unión arredor do libro

    Non tivo moito eco, ata agora, nos medios de comunicación, mais foi unha nova sen precedentes. Un fito que podemos cualificar de histórico. En Galicia, falar de unión e fuxir é todo un, pero a pasada semana tivemos unha gran excepción. Chámase Gala do Libro Galego e será unha festa literaria que terá lugar en maio de 2016. Nela recoñeceranse as mellores obras publicadas en Galicia durante todo este ano. Para organizala e celebrala puxéronse de acordo, fusionáronse, os tres grandes gremios do sector do libro en Galicia: a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia.

    Ata hoxe, cada un organizaba as súas propias galas, entregaba os seus respectivos premios, elexía aos seus xurados e buscaba, por separado, cadanseu financiamento. Así se foron celebrando, todos estes anos, os Premios da Edición, os Premios Irmandade do Libro, e os premios da AELG. Os tres tiñan un obxectivo común: recoñecer os mellores traballos de creación escrita galega e visualizar o mundo do libro e da lectura.

    Non tiña sentido seguir así. Por iso, o pasado venres déronse cita os tres colectivos no Consello de Cultura Galega e presentaron o acordo. "O resultado non é o dunha suma senón o dunha multiplicación", afirmou acertadamente Cesáreo Sánchez Iglesias, responsable da Asociación de Escritores.

    Uns días antes tiña lugar, tamén no Consello da Cultura Galega, un simposio sobre o futuro das feiras do libro, organizado polos Editores. Tocoume participar nunha das mesas redondas, con outros editores e libreiros. Todos estivemos de acordo en que as feiras, tal e como hoxe estaban concibidas, non teñen futuro, que deben ser repensadas, e que nese renacer é imprescindible a unión, o camiño xuntos, polo menos, destes tres grandes colectivos organizados no sector do libro en Galicia. (Mais, tamén, outras asociacións ou agrupacións de ilustradores, distribuidoras, tradutores, críticos, impresores, etc). Esta primeira e unitaria Gala do Libro Galego de maio de 2016 será o inicio, sabémolo, de moitas outras actuacións conxuntas. Xogámonos o futuro da nosa cultura escrita. Falamos dunha industria, a cultural, a da palabra, que é riqueza económica para un pobo. E falamos tamén de algo tanto ou máis importante que esa riqueza: é a cultura da paz, pois non hai outra dentro dos libros.

    EDITOR E XORNALISTA

    23 nov 2015 / 21:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito