Miércoles 17.03.2010
| Actualizado 21.01
Hemeroteca web
|
RSS
Anque só sexa por enredar un pouco, sigamos divagando a cerca do escrito nestes días de aí atrás. Fagámolo sen prexuicio de que iso sexa o que un pense ou sinta e con independencia do seu propio criterio. As cousas nunca son unidireccionais, senón bi ou mesmo pluridireccionais. Non debemos afacérmonos máis a cismar sempre no mesmo e do mesmo xeito. Dito isto, prosigamos; que non é xerundio.
É certo que o escrito asinado por once premios nacionais, só polo simple feito da tal condición dos once, contradí, en certa e non pequena medida, o carácter limitativo que o conselleiro do ramo lle atribueu, infortunadamente, á cultura galega. O recoñecemento habido con tal premio sitúa á nosa literatura ó par de calquera outra europea. Se engadimos a iso a circunstancia de que non poucos deles, ou a súa totalidade, ignoro este extremo, viron traducidas as súas obras a outras linguas do mundo, a contradicción medra e exemplifica non pouco a non limitación da nosa cultura e da nosa lingua.
Sucede que non é mintira que o recoñecemento e proxección que supuxeron eses premios nacionais procederon non dunha política propia, senón da que é consecuencia da presencia de Javier Solana e Jaime Salinas como ministro e director xeral de cultura, respectivamente, nos xa alborais e lonxanos anos da iniciación democrática, pero non dunha política de nós, artellada dende as nosas propias institucións. Sumémoslle a este feito o de que a traducción a outras linguas contou moito coa concesión de tales premios e que, en non poucos casos, os traductores partiron das traduccións feitas ó español. Moito máis dende que a politica de centros de estudios galegos e de lectorados nas universidades extranxeiras se veu embaixo, xa en tempos dese terceiro dos cinco presidentes habidos polo noso goberno propio. Ou polo más propio, para que non se me encerellen os amigos da GB que, curiosamente, non lles son os da Gran Bretaña.
O dato estremece. Confirma o sinalado eiquí mesmo cando se falou de cinco ou seis mil persoas que viven, afortunada e dignamente, do seu traballo cultural no noso país -cifra que outro xornal galego elevou a vinteseis mil, por certo- pero sen que figure nesa cifra a correspondente ós creadores nos que se sostén o entramado cultural de referencia. Algo falla. Nalgo nos equivocamos ó longo de todos estes anos. É preciso parar a reflexionar.
Ter temos bimbios abondos, é certo, pero o cesto, a urdime que o estructura, está sendo construido de xeito que non se pode consideirar excelso e aínda por riba queremos ocuparnos en apañar auga con il. Qué é o sensato, seguir así ou rectificar cando aínda estamos a tempo? O sensato é parar e reflexionar. O resto é delito de lesa patria.
Basura acumulada en Arzúa
Cabina inútil en A Estrada
Tender ropa en plena calle
Incivismo y chulería