Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS

PRÉSTAME dar conta da presenza de Fiona Sampson onda nós. Empregou a escritora e violinista, para chegar de Londres a Compostela, máis de trinta horas, en tren. Non viña, non, a editora da Poetry Review -a de maior prestixio e difusión no Reino Unido- guiada pola sona da nosa literatura, que ela descoñecía antes de publicar, por iniciativa de Jonathan Dunne, o suplemento Contemporary Galician Poets, no recente número 100:4. Tamén axudou algo o xantar que o noso Centro PEN lle ofreceu á doutora en filosofía da linguaxe por Oxford, que forma parte do Consello da Royal Society for Literature. Nese xantar de traballo -ensanchar horizontes para as letras do país é labor imprescindible para pervivir e situármonos no mundo- participaron Marilar Aleixandre, Tucho Calvo, Xesús Fraga, Bieito Iglesias, Manuel Outeiriño, Jonathan Dunne e este cronista. A circunstacia de desenvolverse a conversa en galego e inglés, con normalidade e participación, sen a necesidade de facelo en castelán ou portugués, cousa impensable hai dez ou vinte anos, e a altura dos temas tratados con obxectividade, sen tópicos vitimistas, indican a sólida madurez da nosa cultura e dos seus protagonistas actuais. Fiona Sampson, que posibilitou a través da Editorial Orient Express, a partir da caída do muro de Berlín, unha máis ampla difusión das magníficas literaturas do leste de Europa, tomou boa nota do que lle dicían sobre Galicia, a súa lingua e as súas letras, os contertulios. Felicitémonos por esta iniciativa, máis de catro mil exemplares distribuídos en Inglaterra, Escocia, Gales, Irlanda, EE.UU, Canadá, Australia... Agradezámoslle á columnista de The Guardian e de The Irish Times o seu interese e aclaremos que Rough music, título do último libro de Fiona, en tradución de Dunne ao galego vén sendo algo así como estúrdiga música.
Escritor

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado