Mañá de Reis. Non sei por outros sitios pero por eiquí, polo val fermoso das glicinias que se anuncian, polo val outrora chamado da Amahía, tal mañanciña foi groriosa e veu con sol. Con algo de sol, non moito. Millor dito, veu con pouco. Pero cómo sabían as raxeiriñas que fendían de cando en vez o neboeiro! Iluminaban o día, varrendo con calquer penuria que poidera ter o ánimo. E sen embargo…
Viña o sol como se fora en lufadas de vento, ou en oleaxe doce e acompasado, ía e viña a luz dese océano cósmico que a trae cabo de nós, cabo de tódalas fiestras das nosas ánimas, como estas se foran praias, areais longos, orelas de pequenas badías, riveiras de mares bravos; lugares, en fin, aptos prá recepción de todo canto sol aquece; e viña a luz e sentíamos señarde de nós mesmos, de todo canto fomos.
Entón, nunha mañá así, os Reis trouxéronme unha canción. Abrira eu o ordenador por ver cómo seguían As uvas na solaina, se a ese sol ou se a outro, máis ourensán e antigo; outro sol por mín aínda máis amado; un outro sol más límpido e diáfano, en ocasións; máis mesto o neboeiro que tiña que esfiañar, en tantas outras; e chegóume a canción e me petou alí onde máis petan certas cousas.
Veu da man de Xohan da Coba. Ofrecéuma, a mín coma a tantos outros, no blog do Marcos Valcárcel e por conta do pasamento do Xaime Quessada. Ó fondo as lembranzas dun escritor que tamén foi alumno de sor Sabina, alá enriba na rúa de Santo Domingo, xusto embaixo do campo das Mercedes. Cantaba a canción Charles Aznavour. O seu título era A Bohemia. Calcei os auriculares e escoiteina. Véuseme enriba un mundo que xa non contaba pra mín, ou tal eu cría. Por conta dela, recordei un tempo que crín deshabitado. A mañá, entón, enchéuseme da mesma, e vella, e amada luz que iluminara a nosa mocidade, non sei se tamén a de Xohan da Coba, pero si a do Xaime, si a miña, si a de tantos, cando escoitabamos a Juliette Greco, a Barbara, ó propio Charles ou mesmo á Edith Piaf e Francia era a patria da liberdade, París a capital do mundo. Escoitei A Boheme, non unha nin dúas veces, e unha emoción irrelatable invadéume o ánimo. A memoria do Xaime viña envolveita na canción. Facíao a lufadas recorrentes coma as do sol, ía e viña, permitindo que toda señardade se instalase no meu corazón alagado de melancolía. Ouh, aquel tempo no que soñamos tanto! ¿Rematou xa como remata a canción que me trouxeron os Reis na mañá saudosa do seu día?. “A Bohemia era unha flor e á fin morreu” conclúea Charles Aznavour. Aínda o fai. A súa voz ecoa sen máis que prender o ordenador e querer escoitala. Se así o fas, descobres que os sentementos durmen, si, pero non morren. Sucédelles ás flores do espírito, sementadas que foron no seu tempo xusto, florecidas da man dunha canción, verdadeira e certa, que resume un tempo que foi noso. Morremos nós.
ac@alfredoconde.com