El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{devagar}

XAVIER SENÍN

Un ano máis de premios

19.10.2011 
A- A+

LEMBRA perfectamente a primeira vez que acudiu aos Premios da Crítica; entrara a primavera, pero non sabería dicir de que ano. Estaba facendo un curso de galego e unha compañeira presentáralle a alguén do Círculo Ourensán Vigués. Eran momentos de cambio, uns a querer correr moito para deixar atrás tantos anos de silencio, outros a reclamar calma e sentidiño para non desmandarse. Estábanse a dar os primeiros pasos dunha democracia nova que tiña os ánimos revoltos por cousa dun Estatuto de Autonomía de segunda división que se nos quería impoñer. A amiga faláralle do labor daquela asociación e invitárao a asistir á cea das letras, así lle chamou. Fora de boa gana e alí coñeceu moita da xente que reclamaba para o país un trato de igualdade con outros territorios históricos. O mundo da cultura fervía a reclamar o respecto da nosa identidade e os discursos dos premiados centrábanse en reivindicar o noso.

Asistiu moitas veces en anos sucesivos e gustáballe descubrir, mentres tomaban un aperitivo, os gañadores ou gañadoras na mirada de ledicia de quen minutos despois habían ser proclamados tales. Unha das primeiras veces un escritor confesoulle que daría algo por ter no salón da súa casa unha das estatuíñas deseñadas por Isaac e fabricadas en Sargadelos. Esa noite, xa ao final de todo, diante dunha copa no bar do hotel Samil, prometeulle que había chegar a ser merecedor daquela distinción que consideraba a máis importante dunha Galicia que carecía de premios institucionais. O escritor non tardou moito en conseguilo e cando pasaba para recoller o premio chiscoulle un ollo de complicidade. Aínda hoxe é o día que este home considera o galardón un dos máis importantes da súa vida literaria.

Moitos anos despois seguen os premios na mesma cidade de Vigo, moi preto de onde se deron os primeiros pasos. Aquela maneira de facer país, de reafirmarse na propia identidade dos primeiros tempos segue a ser tan necesaria coma noutrora. Por iso os Premios da Crítica seguen adiante.

Escritor