Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS

A tristura é un mal síntoma en todos os aspectos da vida. En si mesma é case un sinónimo de depresión e nefastos presaxios. A sensación que se lle estivo a transmitir ao pobo durante o primeiro ano de Núñez Feijóo a fronte do Goberno galego é de tristeza absoluta, se cadra peor que non facer nada ou facelo mal.
Os primeiros sinais desa angustiosa depresión que lle afecta á vida política galega deuna o propio presidente cando fixo público o seu executivo. Nel faltaban persoas con bagaxe política, que estiveran máis curtidas. Por se fose pouco, todos son grandes descoñecedores da realidade galega. Viven somerxidos nun inframundo que nada ten que ver coa Galicia cotiá e, por enriba, non fan nada por coñecela.
Tampouco o seu labor nos invita ao optimismo. Neste primeiro ano, o malo non é que fose en branco, o peor de todo é que foron auténticos expertos en meterse en liortas das que logo nunca souberon como saír. Aí está o exemplo da nefasta política lingüística, da que tras un ano de constante contestación por unha maioría dos galegos, entre eles máis da metade dos votantes do PP, Feijóo non sabe que camiño coller, cando calquera gobernante con algo de sentido común, xa tería destituído os responsables deste desaguisado.
En menos dun ano case todos os conselleiros foron cuestionados, agás a de Pesca, Rosa Quintana, que como siga así, nun sector tan importante para a economía galega, axiña lle outorgarán o premio á "Conselleira descoñecida". Hai un vello dito que di que "polas súas obras coñecerédelos". Nos tempos que corren non se pode aplicar a Galicia. Xa comezamos a botar de menos a María Xosé Caride, xa que dende que Agustín Hernández se fixera cargo do departamento que ocupara a política viguesa, nunca tan poucas obras se licitaron no país. Evidentemente non faltará a escusa da crise, pero gran parte da nosa terra carece das vías de comunicación axeitadas. Así, ninguén se preocupa por enlazar Lugo con Santiago e Ourense por autovía. Sempre están coa promesa do AVE, que tan só beneficiará á Galicia máis próspera, mentres o resto non disporá dun servizo de proximidades.
E que pasa coa Cidade da Cultura? Deste conselleiro non agardamos resposta, agás a do desprezo cara á cultura deste país, xa que lle preocupa máis a universal. E así está a suceder co resto dos membros de Feijóo e con el mesmo. Transmiten unha sensación de desacougo, etapas do "vuelva usted mañana" e de que nada vai ir a mellor.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado