Viernes 06.03.2009
Hemeroteca web
|
RSS
ASÍ AS COUSAS, non sería de desprezar que, a partires desta data de agosto, nos puidese corresponder algo da luminosidade e do ludismo, do sentido da festa, do saber e da valentía que se lle atribuían na antigüidade ao deus Lugus ou Lug, guerreiro, sabedor de todos os oficios, artes e profesións, a quen chamaron "doutor supremo das ciencias" e -de seguirmos ao poeta Gilla Coemain- primeiro rei de Irlanda, dende 1869 a 1829 a. C. Por todos os países de dominio irlandés e, amplamente, nos pobos celtas da antigüidade, que se distribuíran pola Europa occidental, habitando un territorio que vai ata as illas Británicas dende a Turquía central, tal día coma o de hoxe dedicábaselle á súa festa. Na península ibérica tamén se estendeu o seu culto e aparecen referencias a Lugus e Lug en topónimos e insculturas. E na área de Galicia, o profesor Moralejo Lasso subliña -permítaseme a versión á lingua galega- que: "A etimoloxía histórica oficial de Lugo -Lucus Augusti "bosque sagrado ou santuario de Augusto", quizais non sexa senón aparente, [...] e encubra outra anterior baseada no nome dunha divindade céltica -Lugus, plural Lugoves-, coñecida por dúas inscricións romanas da provincia, de Sinoga (Rábade) e Liñarán (Sober), fóra doutras da Celtiberia e da Galia".
Nesta aproximación mítico-histórica entre o celtismo irlandés e a Galicia lendaria sitúase, tamén, o texto do "libro das invasións" que nos refire a pasaxe de Ith, fillo de Bregón (en galego, Breogán), e a súa visión de Irlanda dende a torre herculina e a súa expedición cara a aquela illa. Partindo deste día da "festa de Lug", da celebración da súa mitificada natureza entre divina e humana, resulta asombroso, xa que logo, o gran fiasco das fontes da mitoloxía irlandesa, a súa psicodélica interpretación, emendas, variantes, asimilacións, analoxías e paráfrases do clasicismo grego, alteracións introducidas polo evemerismo e as alegorías cristianizadoras...
As referencias literarias ao intricado caos do sistema mítico irlandés respecto desta data, gustaríame pensar que me poderán levar a mente e o ánimo a tentar, por exemplo, entender -xa que non a comprender- o maiúsculo fiasco económico, social e político que estamos a vivir: a grave crise económica que padecemos por mor da irresponsábel ambición financeira, a abstrusa reforma laboral, o conseguinte desemprego, o futuro dos servizos sociais, a conxelacións das pensións e a súa miserabilidade maioritaria. A seguir, cada vez agudizados, os problemas de comunicación coa meseta, as comunicacións polo norte, as conexións con Portugal, o AVE, o fallo dos trens de proximidade, as interminábeis obras nas vías urbanas e o caos do tráfico, a sobrepesca e as accións pesqueiras delituosas como o salvaxe emprego da dinamita e a práctica do furtivismo, etc, etc. Non é, pois, cuestión de peroratas partidistas multicolores. Urxen medidas construtivas cara á procura de solucións coordinadas que poñan a salvo á gran maioría social. En redor da cidadanía, día e noite, xira unha revoeira de aterradoras preocupacións que non cesan con boas palabras.
Da Real Academia Galega

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado