El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

Varapalo de Leticia Vilar á portavoz do PP na Deputación de Lugo

Leticia Vilar Pumares

15.11.2014 
A- A+

Ante a difusión pública dun comunicado do Grupo Provincial do Partido Popular e as declaracións da súa voceira, Elena Candia, nas que atentan contra a miña honra e bo nome, véxome na obriga de manifestar o seguinte:
Como funcionaria de carreira, considero que o comunicado é un conxunto de calumnias que lesionan a miña honra e imaxe, polo que esixo ao Grupo Provincial do Partido Popular e a súa voceira que se retracten de forma inmediata.
O Grupo Provincial Popular chega ao punto de calumniarme en extremos que son doados de contrastar, se quixesen informar verazmente, tanto porque foron públicos como porque o propio Partido Popular formaba parte dos órganos correspondentes:
a) O comunicado di que participei nun concurso oposición, cando concorrín a unha  oposición libre hai tres anos e medio; oposición na que tamén participaron moitos outros  xornalistas, incluídos compañeiros/as que traballan en gabinetes de comunicación do propio Partido Popular e aos que poderían consultárllelo. Ao contrario do que di o PP, a oposición libre -como se recolle nas bases oficiais- incluíu varios sorteos dos temas e todo o proceso estivo rexido por un tribunal profesional, independente -con presenza de reputados membros da universidade e outras entidades- e sen intervención de cargo político algún. Tamén se procedeu á lectura pública e inmediata ao remate de cada un dos exercicios, lecturas nas que tamén estiveron presentes os compañeiros/as antes mencionados así como público xeral.
 Nin sequera algún opositor ou opositora presentou queixa ou reclamación de ningún tipo, o que certifica unha vez máis a limpeza e as garantías do proceso.
b) O comunicado afirma que as probas foron ás presas antes do periodo electoral do ano  2011, cando a maioría dos exames da oposición foron celebrados despois de dito periodo,  como así foi publicado nas canles oficiais.
c) O comunicado di que se modificou a plantilla para o meu beneficio, cando calquera modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) ten que ser aprobada no Pleno da Deputación Provincial, como así ocorreu, e do que forma parte o propio Partido Popular, que  tampouco votou en contra.
Tanto as modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT) como o concurso de provisión de postos de traballo van dirixidos ao conxunto da organización, polo que afectan en xeral ao conxunto dos empregados da entidade. Dentro do seu procedemento de tramitación, son sometidos previamente á negociación na Mesa Xeral de Negociación e foron aprobados de xeito expreso e maioritario pola representación sindical e polos voceiros da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa. Nunca o Partido Popular -nin outra formación ou particular- impugnou dita RPT, nin a plantilla, nin as bases da oposición publicadas no BOP, nin os resultados da mesma, nin a xustificación dunha praza de xornalista como existe noutras deputacións galegas e na maioría das administracións... polo que aínda son máis incomprensibles estas calumnias contra a miña persoa tres anos e medio despois.
Neste ano convocouse a provisión por concurso de todas as xefaturas de servizo vacantes da Deputación de Lugo, entre elas a de Comunicación e TIC´s. Non foi unha proposta dirixida a un determinado posto. Todos os postos de Xefe de Servizo se provistan por Concurso, que é o sistema ordinario de provisión segundo a lexislación aplicable.
Cabe lembrar que o sistema de concurso é un procedemento regulado por Lei na que unha  comisión de valoración, composta exclusivamente por funcionarios, efectúa unha valoración  dos méritos acreditados polos que aspiran a cubrir a praza sen que exista máis criterio que o que establecen as bases de provisión.O comunicado afirma que houbo manobras para crear unha praza de xornalista que non se dá na maioría das administracións. Outra falsidade, cando o Partido Popular debería saber que:
a) Na Deputación de Pontevedra hai un Xefe de Comunicación Institucional (subgrupo A1) provisionado por concurso.
b) Na Deputación da Coruña hai un Xornalista, provistado por concurso.
c) Na Deputación de Ourense hai un Xefe de Servizo TIC (subgrupo A1) provistado por concurso específico.
Polo exposto, se o Grupo Provincial Popular e a súa voceira non se retractan no prazo de dous días, estudiarei todas as accións xudiciais correspondentes que contribúan a repoñer a miña honra.
(*) Xefa do servizo de Comunicación e TIC’s da Deputación de Lugo