Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Viernes 06.03.2009      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 1 de 1] Opinión| opinion@elcorreogallego.es  |  RSS - Opinión RSS

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO DA REAL ACADEMIA GALEGA

no pasar dos días

Aquel vento mareiro...

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti

A algúns amigos como Carlos Casares ou Xabier Pousa contáralles o suceso. Fora nun Nadal, aínda non por mediada a posguerra. Despois de 1936 a terra galega non era máis que unha rexión do esquecemento no noroeste peninsular. A lingua e a cultura xeradas no noso país foran borradas e o seu descoñecemento afirmábase sobre a xuventude cada curso. E esa desinformación imposta polo sistema totalitario, ese descoñecemento da realidade das nosas letras e das nosas artes tería de ser, sen dúbida, o factor que, no meu interior, lle había proporcionar unha tan fonda relevancia emocional e reveladora ao insólito suceso que arrodeou o meu primeiro encontro, imprevisto, cun libro en lingua galega e cunha obra do noso egrexio poeta Ramón Cabanillas.

O inesquecíbel acontecemento deu en ocorrer uns meses despois do falecemento repentino do meu pai, xa viúvo, na casa compostelá da Caldeirería. Unha mañá de cedo decidín poñerme a remodelar o seu despacho. Nunha das paredes apoiábase un armario-librería do que eu quería dispoñer. Fun sacando mazos de escrituras e de cartas. A seguido, para acceder á parte superior, abrín as portas de cristais. Os andeis estaban atestados de libros de dereito e algúns de historia. Cando retirara os de unha das fileiras deime de conta de que, na parte de atrás, unha longa lámina de cartón simulaba, de arriba a abaixo, todo o fondo do moble. O pasar do tempo fixera que unha esquiniña se revirase a penas un chisco. Levanteina cun lapis e comprobei que había agachados outros libros que nada tiñan que ver cos temas dos de diante. Coa imaxinábel sorpresa apreciei como aparecía diante miña o que significaría un pequeno tesouro bibliográfico do que o meu pai nunca me falara. Pero alí estaban. Ocultos da represión e altamente comprometedores polos contidos e as dedicatorias. Aínda hoxe me conmove a lembranza do encontro daquel achado que tan fondamente orientaría as miñas preocupacións vindeiras.

O primeiro que tiven nas mans foi Vento mareiro, de Ramón Cabanillas, nunha atrainte edición da madrileña Editorial Galatea, na Biblioteca Galicia, en 1921, con portada de Castelao e ilustracións de Cebreiro. Sentei nunha cadeira que había onda min e lin ata rematar. Corenta e un poemas de diversidade temática e formal nos que se mesturaban composicións líricas e épicas, nun amplo segmento dende o intimismo ao agrarismo e á tradición popular; ao costumismo e, mesmo por veces, con leves asomos vangardistas. Aspectos nos que se me revelou o seu mundo poético evocador e o seu reivindicativo sentir patrio, como así máis tarde recollería da súa narratividade épico-lírica a neomitoloxización recuperadora da "materia de Bretaña" para a nosa literatura moderna. Versos que se converterían nun rexo guieiro para a toma de conciencia da miña galeguidade. Versos e prosas tamén dos outros libros, xuntos na mellor herdanza que me transmitiu o meu pai, aquela deixa secreta de palabras proscritas que, inesperadamente, me habían traer ata estes lonxincuos días do noso presente nos que sigo a alzar a esperanza como bandeira. Aquel vento mareiro que me abriu o camiño para chegar á nosa lingua e a esta terra xenerosa e valente, tanto tempo marxinada ou prohibida, que en palabras de Cabanillas "é a terra galega, a terra sagra como o peito dunha nai, a terra que nos fixo da súa carne e que nos dou o seu sangue e o seu pensamento e os seus amores e nos ten de chamar un día para acocharnos no seu seo, tornando a recollernos na súa entraña para que endexamais nos arredemos dela". Así o lembrei o 9 de novembro pasado no acto da RAG no Concello de Cambados.

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS