El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

DE PROFUNDIS

XOSÉ ANTONIO LÓPEZ SILVA

Circe no autobús

05.11.2014 
A- A+

non gosto dos artiluxios electrónicos. Teño un e-book, que apenas uso, nin sequera cando vou de vacacións. Sempre acabo buscando librerías de vello para apreciar o aroma do papel antigo, a sorpresa de atopar obxectos abandoados ou usados como marcadores, dende un billete de bus dos anos sesenta ata o teléfono dunha rapaza que posiblemente agora sexa xa unha avoa venerable. Que teño que adaptarme é evidente: amosoumo unha amiga que mercou un apartamento de 28 m2 e dende entón sei que acabarei por ceder ante o libro electrónico, igual que o fixo ela, pero por agora véxome incapaz de prescindir da miña caótica biblioteca, onde a única orde existente é case a da época de compra dos seus volumes. Podo recoñecer, por exemplo, os libros de Chesterton que busquei dende os catorce aos vintepico anos, ao carón de Verne ou Larra.

Estes últimos tempos tomo máis o transporte público, e volvo recaer nun aspecto que xa teño comentado noutros artigos. Cada vez vexo a máis xente lendo, ben no móbil, ben nunha tablet. Non é esta unha época na que estea a desaparecer a lectura e a escritura. Por contra, son dos que defende que nunca se leu tanto -de diferente xeito, dende logo- e tampouco se escribiron tantas cartas, alomenos dende hai 200 anos. Pensemos na cantidade de e-mails que contestamos ao día, equivallan a misivas longas ou aos "billetes" do XIX. Con todo, sigo preferindo ver a xente ler libros tradicionais e tentar adiviñar cómo poden ser as persoas que elixen eses títulos, sobre todo cando repites viaxe e vas vendo as diferentes lecturas que elixe o teu acompañante.

Hai unha semana, collín o bus de Bertamiráns. Sentou onda min unha rapaza morena duns vinte anos, moi guapa, con gafas negras de pasta, que pronto se enfrascou na lectura de Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño. Xusto o día anterior acababan de me comunicar a nova da súa morte. Afectoume moito. Pensei que conscientemente ou non, esa rapaza estaba a renderlle unha homenaxe á máis grande melloradora de historias da literatura galega, a unha amiga á que a morte nola arrebatou antes de tempo. Sempre antes de tempo.

Quedan as súas verbas, si, sexa en papel ou en pantalla branca. Eu ollaba pola fiestra, pero só puiden sentir a negrura da noite e unha profunda nostalxia por Begoña.