El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ de profundis }

XOSÉ ANTONIO LÓPEZ SILVA

No barco do Mar Maior

22.10.2014 
A- A+

No meu último artigo, esquecín inconscientemente citar a Daniel, o chef da cervecería New York. Apenas sae da cociña. Si o fan as súas estupendas tapas, racións e menús. Coñecino personalmente despois de sete anos para pedirlle disculpas e dicirlle que o enmendaría no seguinte artigo. Pero ao chegar a casa, quedei pensando en cantos descoñecidos para o público traballan para que os servicios dirixidos a a ese mesmo público funcionen perfectamente. Cavilei niso e lembrei a anécdota daquel profesor de empresariais que preguntou aos seus alumnos o nome da limpadora asignada a esa aula, que sempre saía xusto antes de que comezaran as clases. Por suposto, ninguén o soubo. O profesor díxolles que o primeiro que debían ter en conta era negarse a aceptar ese detalle que case todos nós damos por suposto: o da invisibilidade das persoas e dos traballadores que de mil maneiras nos rodean. Case é loitar contra o vento, cando cada vez ata resulta menos habitual que se saúden os veciños do mesmo bloque.
Esta tarde, as sete, en Madrid, preséntase na Casa do Lector o Proxecto Editorial Mar Maior. Vencellado a Galaxia, conformouse como unha empresa independente. A súa finalidade é tan simple como ambiciosa e necesaria: proxectar a cultura galega no mundo, en calquera soporte tecnolóxico e en calquera lingua. Galicia, a sua literatura, non pode quedar allea á cultura da globalización. É preciso facérmonos ver, capturar lectores e interés por nós, polo que fomos, e polo que somos. Facer singladura. Daí que o catálogo de Mar Maior una tanto clásicos coma a Biblioteca Cunqueiro coas obras de autoras como Begoña Caamaño ou a Historia de Galicia de R. Villares.
Pero eu quería lembrar que debaixo deses nove libros que merecen lerse e disfrutarse; máis aló do inevitable personalismo do protocolo, Mar Maior é un proxecto no que traballou moita xente que coma Daniel, pasa desapercibida igual que unha páxina e outra dun libro sen numerar. Sen eles este proxecto tería sido unha utopía, unha receita exquisita imaxinada pero nunca desenvolta. Aquí ducias de persoas traballaron arreo para desenvolver algo que é máis ca unha empresa: é un xeito novo de entender, extender, a nosa cultura e o noso país.
Comeza a navegar este feixe de libros polo mundo grazas a todos e cada un dos seus intervintes. O mar non ten camiños. E iso é o bo, porque significa que os camiños dependen da xente, anónima ou non, que hoxe comeza a percorrelos mar adentro.

Profesor e tradutor