El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

{ de todo un pouco }

XOSÉ NEIRA VILAS

De Meira a Buenos Aires

23.08.2015 
A- A+

VECIÑOS de Meira (Lugo) activistas de asociacións culturais están r­eunindo información sobre o poeta Avelino Díaz (Meira, 1897 - Buenos Aires, 1961) para propoñelo á Real Academia Galega para un Ano das Letras. Viñeron falar comigo e conteilles o que del sei, pois fomos amigos na capital do Prata. É autor de Debezos, Pallaregas, Flor de retama e de poemas que andan soltos na prensa galego-porteña, xunto con textos xornalísticos pois foi intensa a súa actividade intelectual. Alí casou e nacéronlle varios fillos; alí militou no ámbito galego en moitas actividades culturales. Era humilde, tímido, pero enérxico cando se trataba de defender a causa de Galicia. Foi un gran poeta e un excelente versificador. Escribiu tamén poemas en italiano.

Vino por última vez en xuño de 1961, algúns días antes de irme para Cuba. Faleceu ese mesmo ano. Faloume da Illa, onde el estivera de mozo. Alí traballou cortando cana de azucre e viviu a vida campesiña. Daquela experiencia deixounos dous fermosos sonetos en castelán: "Guajiro" (No era suya la tierra, ni la caña / pues todo dependía de un colono") e "Manigua" (Bajo el sol tropical y en suelo árido).

Antes de ir a Cuba xa fora, coma tantos, as segas de Castela. E despois de Cuba, marchou a Buenos Aires onde asentou de por vida. Ben merece que lle dediquemos un Ano da Letras.

Escritor