Sábado 20.03.2010
| Actualizado 20.56
Hemeroteca web
|
RSS
Santiago conta xa, na outrora Praza do Pan, hoxe de Cervantes (cambio de denominación criticado por Vicente Risco, no seu Dédalus en Compostela) co Centro Social Caixanova. Sito no antigo edificio da Banca Olimpio Pérez, palacete do XIX obra de Manuel Pereiro Caeiro, e anovado con exquisitez por Xosé Luis Pereiro, bisneto daquel grande arquitecto. Na inauguración, até os discursos foron de altura. Emotivo e con boa parte en galego o do anfitrión, Julio Fernández Gayoso. O alcalde da capital, Xosé A. Sánchez Bugallo, con erudición de historiador -éo, mesmo sen papeis-, acertou bautizando o espazo que vai de Cervantes ás Casas Reais, como o Wall Street galego. Antes, o arcebispo, Julián Barrio, abenzoou a casa. Mais, monseñor merece benzón especial: utilizou todo o tempo a fala propia do país. Que tome nota o clero. Pechou Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, cunha chamada á confianza, oportuna e desexable, claro que sí. O cronista, despois de escoitalos, percorreu admirado as tres exposicións, trasladándose -mentalmente- noventa anos atrás.
Daquela, non sería difícil atopar, no patio de operacións da Banca de D. Olimpio, dous personaxes así caracterizados: o indiano de traxe de liño branco, sombreiro canotier, leontina e reloxio de ouro, anel cun brillante ostentoso e bigote recachado, e dous pasos atrás, o labrego en zocos e coa pucha na man, medio esfarrapado, sen barbear. Sen dúbida, o afortunado movíase no sitio coma peixe na auga; viña facer un depósito. O outro, tantariñando, seguro que agachaba as mans detrás do lombo e abaixaba a cabeza; viña empeñar unha leira pra pagar a embarcación do fillo que lle marchaba prá Habana. Malia que o modisto-empresario, Adolfo Domínguez, malogrado autor de Juan Griego, pregoase, horas antes, tamén en Compostela, a volta a aqueles tempos. D.Olimpio, o precursor, desaprobaríao.
Coches en las aceras de Teo
Una verja rota y peligrosa
Nevera enchufada a xestas
Basura acumulada en Arzúa