Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS

Sigamos coa lideira de onte, que dá moito xogo e non ha faltar xente que se entreteña e se divirta. A maiores, hoxe igual non ando por eiquí, deixo a bulla montada e xa me contarán á volta de Italia, onde fun por uvas e o mesmo veño con elas.
A anónima comunicante, tan preocupada polo meu uso do idioma, suxire no seu comunicado que bote man da ligazón do diccionario da RAG malia que "lamentablemente non está actualizado coa normativa do 2005, o cal -teño que recoñecer- considero bastante grave a estas alturas: por exemplo aínda recolle servicio en vez do correcto servizo ou producto en vez de produto". Na non actualización das actualizacións que anularon as recentes actualizacións? Nestas e non noutras son nas que andamos, compañeira. Aínda así ímola liar outro pouco. Saben como escribiría eu ese textiño? Vano ver de contado: "Malia que non estea posto ó día coa normativa do 2005". Iso pra empezar. Non será tan correcto, que non o é, pero? a que sabe, a que se saborexa millor así escrito e pronunciado, va que si? Non é verdá que ese "estea" sabe a pan centeo?
No que atinxe a servizo/servicio e produto/producto, amén doutras teimas semellantes habidas cos grupos consonánticos cultos dos que non sei máis, senón xa máis ben menos do que me aprenderon en primeiro e segundo de comúns na facultade (tamén en latín, non precisamente dona Amalia, según recorda a anónima), recordarei que alá polo comezo dos setenta do pasado século, tiven a inxenuidade de pedir, nunhas xuntanzas realizadas ó efecto, as que darían pé a aquel primeiro libriño inaugural das normativas, que se tivera en conta que a xente nunca dixera taxi (tacsi) senón tasi e nunca tractor senón trator e por aí seguido. Respondéuseme que había que fixar un idioma culto igual ós idiomas cultos e que había, xa que logo, que respetalos. Así acabamos escrebindo respectalos, claro. A xente sigueu dicindo e escribindo o mesmo, pero agora confundida polas normas dictadas e redictadas e voltas a dictar. Non valeu de nada recordar que o italiano é culto e nel se escriben os grupos consonánticos con dous tt, verbigracia tattoria.
Xa teñen pra enredar. Entre o despoboamento do rural, o abandono dos eidos e dos labores nos que a nosa fala sobreviveu por séculos e a chegada non á urbe, senón á mesta silveira dominada por lingüísta tanto, dito sexa coa maior admiración e non menor respeto (perdón, respecto) estes e non outros son os bimbios cos que temos que refacer o cesto.
ac@alfredoconde.es

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado