Martes 17.06.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Que lle outorgasen a Isaac Díaz Pardo a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes fixo que me interesase por un galardón que me pasara desapercibido. E, unha vez felicitado debidamente don Isaac, lanceime á Wikipedia para enteirarme quen e que eran os afortunados compañeiros. O que alí vin deixoume aleuta: había un premiado na modalidade de 'matador de touros'. Como a Wikipedia non é infalible, podía ser un erro. Pero non, que fun aos diarios e logo andou aireado o asunto porque dous compañeiros do tal querían devolver as que obtiveran outrora por un agravio comparativo. Certo e reincidinte.
Que matar sexa considerado unha arte preocúpame, porque creo que o sufrimento e a produción da arte non poden ter máis contacto que o nó da dificultade que lle presenta a realización da obra ao autor. Se matar é unha arte, con máis razón o sería mentir e empatrañar, que nisto si que podo admitir que hai virtuosos que fan marabillas coa poboación. Volvendo aos touros, xa se sabe que eran sacrificados aos deuses nas beiras do Mediterráneo e que na península os íberos facían con eles holocaustos para aplacar tamén as súas divindades. En parte da pell de brau pegou ben este bárbaro costume, só freado por unha tregua dos árabes porque consideraron abominable a celebración de tan sanguiñento espectáculo.
Doulle voltas á negación da idea, procuro ver de novo unha corrida gravada para descubrir alí algo do que eu entendo por arte pero, se o houbese, estaría ensanguentado por unha morte aprazada, sañuda e con gran sufrimento dun animal que serve de xoldra aos que se sentan nunhas gradas para vitorear ao ornamentado matador e para sacar uns bos cartos do espectáculo.
É curioso que a palabra matador non evoca entre nós ao dos touros senón a quen mataba humildemente os porcos, os desfacía en pezas con mestría anatómica e as dispoñía no sal da maseira para a conservación. Agora está prohibido liquidalos a coitelo pola Declaración Universal dos Dereitos Animais, que parece pasar dos touros. En tal caso, aqueles homes que traballaban sen cobrar, que contribuían á vida no campo e que chegaban a burlar con mestría amos cureños metendo algo de entrecosto entre o coiro e a camisa para o comeren na casa en vez das papas que lles ofrecían, ao mellor merecían ser considerados artistas en axudar á difícil arte da supervivencia.

¿Deixádeme ser libre? Sí, pero...
Mensaje a los cabestros: "Así, no"
Pintada ‘sobre mojado’ en Compostela
Ensucian la imagen de un lugar turístico