Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Como o mundo é cada vez máis global e alleo e o capitalismo será eternamente refundado, segundo decretaron os amos do Universo no xuntoiro de Washington, pois máis vale que cada quen cultive o seu microcosmos. Ou sexa, os seus "obxectos con alma", que diría don Francisco Ayala. E os meus obxectos con alma favoritos son as miñas estilográficas. Os psicanalistas, estudando esta manía plumitiva, eles saberán de que clase de paraíso perdido teño saudade. A que caste de relixión te quixeras re-ligar, porque algo de mística comunidade teñen estas criaturas de escritorio, que se me dispoñen teresianamente no convento/caixa de noble madeira onde as teño en oración.
Cada unha no seu soño, cada unha coa súa biografía, e todas con cadansúa anécdota. Desde a primeira que profesou -esa que che regalaban nos remotos días do principio do bacharelato- até esta derradeira que chegou onda min hai uns días vestida de azul e da xenerosidade dunha tropa feiticeira de compañeiros e compañeiras. O que máis me gusta das miñas plumas é o seu poder metonímico. Son coma fragmentos de corazóns, e ao mesmo tempo cada unha delas ten escrito un capítulo do meu corazón. Dicía André Gide que a metade do pracer de escribir proporcináballo a estilográfica, repentinamente humanizada.
A pluma vai deixando sangue, suor e lágrimas no camiño da súa escritura, ao tempo que dá o pracer táctil da temperatura da súa pel. Hai plumas ás que só lles falta falar, como adoitamos dicir de certos animais que lles teñen servido de metáfora ("esta miña pluma trotadora", escríbe Madame de Sévigné; "esa tranquilidade gatuna da pluma tumbada no papel", di Peter Handke). E, como se fai ás veces con eses animais cando expiran, teño enterrado algunhas das miñas vellas e fieles plumas no xardín. Para que saian aínda máis literarias as miñas rosas. Entérroas de pé como en algunhas culturas de lonxe enterran os seus guerreiros.
Agora doulle a benvida ao convento a esta novicia vestida de azul, e experimento esa alegría que só aportan certos seres queridos: a de estar seguro de que, nesta ocasión, ela vaime sobrevivir.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado