El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

con mil amores

MIGUEL SUÁREZ ABEL

Auga de bacallau

31.03.2007 
A- A+

Disimulen que me baixe a un caso persoal, pero teño para min que podería servir de aclaración para asuntos máis universais. Un servidor leva escribindo desde hai máis de trinta anos en galego. (Certo que isto non se debería ni ter que contar, pois como dixo non sei quen, cando, pasados os corenta, a un escritor haille que preguntar a qué se dedica ou debe explicar que escribe, pouco escritor é). Durante este tempo, tiven a fortuna de recibir algúns premios literarios e xornalísticos dos máis importantes do país; non hai moito, o mesmo Sr. presidente da Xunta en persoa asistiu á entrega dun que se me acaba de conceder. Ademais, non en moitas ocasións, recoñezámolo, algunhas das miñas obras foron libros de lectura en institutos ou serviron de material en cursos de iniciación ou perfeccionamento en galego.

Non sintan vergonza allea, agora lles digo á que vén este espido de mal gusto. Pois ben, estando a situación así en canto á miña relación co galego, desde que se empezaron a impartir cursos de iniciación e perfeccionamento, non por cacholán e menos por preguiza, optei por no realizalos. Parecíame que estaba suficientemente acreditado que sabía, exercía, potenciaba e miraba polo uso do galego. Con todo, miren por onde, a administración e a burocracia non saben destes pequenos detalles e fun quedando incapacitado, desacreditado, sen título que demostrase o meu dominio do galego.

Visto agora nunha situación administrativa na que se me esixe tal titulación, mirei de soluciona-la miña carencia. Despois de varias consultas, de aprender de memoria o decreto que regula as validacións e de manter entrevistas con funcionarios e xefes de servizo, saquei por resultado o que, despois de me lembrar que estamos nunha sociedade na que impera o principio de legalidade, amable e maternalmente recomendoume unha responsable de normalización lingüística: "Pois non lle vexo outra saída. Deberá face-los cursos, pero, se é certo o que vostede me di, non terá dificultade para aprobalos; anímese". Moitas grazas, amable señora, pensarei se me atrevo a realizalos... Por mor disto estiven comprobando que entre os funcionarios que coñezo debo de ser eu dos poucos que carezo de tal titulación, o que serve de riso e ironías variadas. Con razón. Porque isto acabará por causar máis riso ca outra cousa. Moito me dá que algunhas políticas consigan empapelarnos de títulos de iniciación e perfeccionamento en galego pero,... todo auga de bacallau.