El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

a bordo

CARLOS LUIS RODRÍGUEZ

Qué tempo pasado foi mellor?

17.05.2018 
A- A+

AÍNDA que o episodio foi menor o seu significado merece un modesto comentario no 17 de Maio, aínda que desentone un pouco dos rituais propios do Día. Un Día, vaia por diante, adicado a unha muller que demostrou que un traballo aparentemente modesto como escritora e mestra pode ter máis impacto que eses xestos ampulosos que son tan habituais en determinados círculos. María Victoria Moreno non perseguiu a gloria e amaba os mundos sutis, ingrávidos e xentís, igual que Antonio Machado no seu poema, pero logrou deixar unha pegada nos mozos que leron os seus libros ou escoitaron as suas leccións.

O caso é que un grupo de mozos de filiación nacionalista tentou hai pouco entrar nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O noble motivo era protestar, entre outras cousas, pola disminución de galego-falantes e o que eles consideran actitude pasiva do organismo que dirixe Valentín García. Finalmente todo quedou nun incidente sin importancia. O amigo Valentín debera sentirse moi ufano do inmenso poder que lle outorgan estes rapaces ao seu departamento, ata o punto de centrar nel a responsabilidade de que se incrementen os usuarios da nosa lingua ou, canda menos, de que non vaian a menos.

Sendo Valentín un galeguista con moitos anos de traballo a prol da normalizacion ás suas costas, seguro que non dubidaría en publicar unha disposición máxica que multiplicara ipso facto os falantes de galego. Haina? Non debe habela porque a formación política na que militan os rapaces protestantes non a propón agora, nin a propuxo antes cando cogobernada a Xunta. Así que non será unha cousa ta doada. Con eso non quere decirse que a Secretaría non poida facer nada, senon que non é omnipotente nun asunto no que a vontade individual ten moito que decir. Dito doutra maneira: rescatar o galego da clandestinidad onde o tiña confinado o franquismo foi algo relativamente sinxelo, pero rescatar ou conquistar falantes ten mais complicacións.

Ademais de petar nas portas de Política Lingüística, eses mozos animados por tan noble obxectivo puideron facer o mesmo nun instituto, nun lugar de copas, nun recinto deportivo ou en calqueira outro sitio no que os xoves galegos desenvolven o seu traballo, estudio ou lecer. Sería algo así como unha Operación Pondal, por semellanza co poeta que animaba garimosamente ás meniñas "da Cruña" a galeguizarse. "Falade meniñas, falade galego", decíalles. Claro que naqueles tempos as aludidas terían que converterse en heroinas do idioma para romper co ostracismo que pesaba sobre a lingua, mentres que hoxe depende da vontade de cada un. Por eso que a protesta que comentamos parte da idea equivocada de que a reconquista de falantes depende dun decreto máxico, dunha decisión, dunha orde administrativa.

Non depende de Valentín. A sua misión é crear as condicións para que a instalación no galego non estea supeditada a decisións heroicas ou militantes. Neso estamos. O galego poderá ter tempos mellores, pero ningún tempo pasado foi mellor. Que os rapaces da protesta pregunten aos pais e abós, ou relean a María Victoria Moreno.

Periodista