El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

AFONSO EIRÉ

Como Cataluña!, eran tempos

07.10.2017 
A- A+

ANO 2006. Alberte Núñez Feixó afirma: "Non aceptarei para Ga- liza menos do que obteña Cata- luña". Tempos, tempos..., que diría a miña avoa.

Logo de analizar o debate do estado da autonomía, vemos que ao PP non lle preocupa o que vai pasar con Galiza na reconfiguración do Estado español. Pois Cataluña non vai conseguir, aínda, a independencia, pero o Estado español vai ser diferente do actual e Galiza pode saír moi mal parada nestes pactos.

Se Núñez Feixó fose un presidente autonómico de facto, na vez de tentar retratar a oposición e de obrar como delegado rexio de Madrid, teríalle feito un chamamento á sociedade galega ante os retos que se aveciñan e tentaría acadar un pacto de mínimos coas forzas políticas e sociais para encarar axeitadamente os retos vindeiros.

Pero non. Feixó ten a ollada fixa en Madrid. Discrepo dos que afirman que é por interese político persoal. Non. Todo é moito máis fondo. O problema é que Feixó cumpre a encomenda de impedir o problema galego.

Todo comezou naquel Comité Ejecutivo Nacional do PP, logo do pacto Fraga-Beiras, no que Javier Arenas empezou criticando a Fraga por defender ao BNG, e acabaron acusándoo de que co seu "galeguismo" estaba a potenciar o nacionalismo galego creando "un problema de Estado".

Baseándose en estudos das FAES e do CNI, puxeron en marcha unha operación pa- ra "reconverter Galicia". Cuí-ña Crespo deuse conta e tentou opoñerse "porque nos vai ao peto", díxome paseando polo monte Faro. Laminárono. X. M. Barreiro e Baltar tamén o sabían, pero remataron por integrarse para non ser tamén devorados.

O decreto do plurilingüismo, as mudas no ensino, o peche dos medios en galego, o desmantelamento da cultura de base, o apoio a persoas e relatos importados directamente de Madrid..., non foi un cálculo electoral de Feixó, como se dixo, senón a aposta estratéxica e táctica do Estado.

Como o foi o desmantelamento, coa axuda do PSOE, das medidas que o BNG puxo ou tentou pór en marcha desde o bipartito. A máis visíbel foi a arremetida contra o concurso eólico, pero tamén o impedimento de mercar Fenosa, a arremetida contra das caixas ou contra empresas senlleiras como Pescanova... Querían mandarlle unha mensaxe clara ao empresariado galego: hai que seguir pasando por Madrid.

Logo veu a voadura interna do BNG, para rematar a operación. Agora, no deseño e pacto dun novo marco constitucional, teñen a Galiza xa onde querían: desarmada. Só lles resta impedir que os galegos tomen conciencia da situación. Vexan senón como se aplican algúns medios e xornalistas. Algún día saberase a cambio de canto.

Aquelo de que "nós, como Cataluña" hoxe semella revolucionario.

Xornalista