Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Nos exitosos encontros culturais de Os luns do Ateneo, e nesta singular ocasión por iniciativa da sección Compostela, celebrarase mañá, ás oito da tarde, no salón de actos da Fundación Caixa Galicia, na Rúa do Vilar, a conferencia que leva por título López Ferreiro e as súas escavacións na Catedral de Santiago, a cargo do profesor Xosé Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. O Ateneo de Santiago comprácese así en facer especial relembranza e honra merecida á sobresaínte figura intelectual de Antonio López Ferreiro pola súa dilatada obra histórica conforme ás fontes da diplomática e pola súa obra literaria iniciadora da novelística en lingua galega.
Na distante memoria da miña mocidade lémbraseme de ver, ao vir das crases no instituto Xelmírez, daquela na Praza de Mazarelos, na pedra da fachada dunha gran casa da actual Praza da Universidade, moi próxima a na que eu vivía, unha ornamentada placa escura, de bronce, onde se lía "A cibdá de Compostela ó seu fillo predilecto D. Antonio López e Ferreiro, bó galego, bó sacerdote, bó historiador, bó literato, dino por todo de perdurante lembranza. Naceu nesta casa o 9 de novembro de 1837". En ocasións, téñome parado alí levado da impresión que me producía a lectura do contido dese texto, escrito nunha lingua que ninguén me aprendera. Co transcorrer do tempo eu faría miña para sempre aquela lingua fermosa, sabería tamén quen era aquel home sabio e lería os seus libros principais: Fueros Munipales de Santiago y su Tierra, Galicia en el último tercio del siglo XV, Historia de la Santa A.M. Iglesía de Santiago de Compostela... Tradicionalista radical, mesmo ten chegado a unha curiosa antítese intelectual na súa actitude final diante da destrutora acción do centralismo defendido polo Parlamentarismo.
Hai dous días cumpriuse o centenario do seu pasamento na súa casa de campo en San Pedro de Vilanova ao pé do Pico Sacro, e ao revisar a súa vida de estudo e de obra fecunda, decateime da magnífica síntese persoal das palabras aínda fundidas no bronce do seu lar de nacenza. Ao longo da centuria sería gradual a aparición illada de textos biográficos ou precedendo a escritos seus como os de Oviedo y Arce, Eleicegui, Pedret, López Carballeira, Magariños, Rey Alvite, M. Pilar Sánchez-Cantón, Alfonso Mato, Manuel Quintas, e arestora X. R. Fandiño. Ou respecto dos seus estudios de historia e de arqueoloxía como os de X.R. Barreiro, F. Acuña, Ramón Villares, e literarios como a edición de A Tecedeira de Bonaval, con introdución e notas de X.A. Palacio e Blanca-Ana Roig xunto ao fundamental estudio de Anxo Tarrío que, con agudeza crítica, sitúa esta novela "de cheo dentro da novela realista, que xa en Europa e mais en España levaba unha abondosa andadura. E se algún aceno romántico pode apreciarse na súa escritura non será de fasquía diferente ós que podemos atopar en Galdós"; O Castelo de Pambre, cunha edición a cargo de Aurora Marco, outra, de González Seoane, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra, e unha da ASPG ao coidado de Manuela Álvarez; O niño de pombas, con introdución prologal de Carballo Calero. Unha acción intelectual, pois, multidireccional que abrangue da investigación histórica, á arqueoloxía, á arquivística, ata a creación literaria. Dirixe as escavacións na Catedral, que dan como resultado o redescubrimento dos restos apostólicos na noite do 28 de xaneiro de 1879, un feito decisivo para o rexurdir das peregrinaxes e das celebracións xacobeas.
Foi membro fundador da Real Academia Galega e se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1978

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado