Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS

Veño dun pobiño pequeno; viciño de Ostana, na medida que eiquí se establece a viciñanza. Un pobo no lombo dun monte, outro no lombo do outro, e así; porque chamarlle caeiras ou abas a estes escarpados e tesos cumes semellaría febleza. Son arpados lombos coma de lobos en trances amorosos ou de plantigrados postos en pé de apertas e recepcións afables. Quero dicir que son prodixios de serena forteza en medio da máis adversa das realidades posibles. Por qué a xente veu vivir eiquí e eiquí aínda segue é unha das moitas preguntas que me fago. Só coa forteza do oso, a intelixencia do lobo a ollada do miñato e o corazón dun ser humano se pode un arriscar a vivir eiquí. En resume, que nos confundimos de carretera e fumos dar a un pobo do que non recordo o nome.
Baixamos do coche. Da pequena igrexa saía unha pequena moitedume, cadaquén con cadansúa bolsa de pan embaixo o brazo. Saían dun funeral. Cada vez que eiquí se celebra un a xente aínda sae del co pan que distribue a familia do finado. Non é difícil imaxinar a mesma cerimonia hai cen ou douscentos anos e o por qué dos moletes con arrecendo de forno e lume, de quentor de lareira e xente. Qué queren que lles diga? A mín gústame que se manteñan estes costumes, cando un pode regresar á súa casa nun coche quentiño coma un fogar, a través de estradas liberadas polos varreneves. Non poidemos tomar o café. Era domingo e funeral si, pero bares non. Regresamos a Ostana.
Na igrexa parroquial, alá na cima do pobo, habilitaran un esceario teatral. Anda a ser celebrado o centenario de Max Rouquette, que escribeu en occitano, e, no esceario instalado dediante do altar, ofrecían unha das súas obras. Cando entramos unha actriz estaba a facer un cruce de pernas coma un dominus vobiscum de antano, a lencería íntima coma boca de lobo, tan negra se amosaba. Non pasou nada. Deus non se enfadou nin enviou un trono que fixese tremer as montañas e as conciencias. Había teatro no mesmo espazo no que antano houbo risas pascuais mentres o crego amosaba as súas partes consideiradas máis pudendas. A expresión da vida nunca pode molestar a Deus.
Entón acórdome de cando, en circunstancias de poder facelo, lle propuxen ó mitrado compostelán a celebración de concertos durante as misas nas nosas catedrais galegas. Uns concertos interpretados por grandes orquestras sinfónicas que fixesen máis solemnes as misas televisadas magnificándoas coas obras compostas ó efecto polos grandes compositores. A resposta que me deu foi estúrdiga, que diría o poeta. Xa ven. Eiquí nos Alpes a vida e a morte estánlles ben máis cerca do ceo, ben máis preto da xente.
ac@alfredoconde.es

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado