Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
Soa o timbre do móbil e ves na pantalla a dirección dunha amiga á que levas días pensando que debes chamar pero pospoñendo a obriga por outras máis urxentes. Debíaslle a chamada dende que che enviara unha mensaxe de ledicia mentres escoitaba os sons dos animais na noite de Costa Rica. Abres a conversa coas bromas e alegrías de quen se reencontra despois do verán, dispostos a contar como foron os días de ausencia e viaxe e programar para saír e cear. Mais de contado na voz percibes algo estraño, unha lentitude e silencios pouco habituais. Mil hipóteses cruzan entre un que tal vai todo e un silencio mesto: un fillo que suspende, un desgusto cun colega, un achaque da nai xa vella, calquera accidente inesperado, unha tristeza por ter que regresar ó traballo... Nada diso. Ó seu home, ó amigo, durante a mañá confirmáronlle un diagnóstico impensable: cancro de ril. El, que é médico, sabe mellor o prognóstico ca todos nós e o que lles agarda a cantos haberán de acompañalo a partir de agora.
Escoitado o disparo que te atravesa polo aro do lombo, decátaste de que é ela a que mantén a serenidade e o autocontrol. Titubeas coma un neno pequecho entrando e recuando na negación, na incredulidade, na rabia, na compaixón. Menos mal que ela dá gobernado a conversa e sabe aliviarte do barullo emocional no que encallaches. Caes na conta de que a mellor colaboración é a escoita activa. Calas. Aprendes. Respectas os seus silencios nos que se repón para continuar tesa e decidida enfrontándose ó negro azar. Deixas que ela, instalada na sobriedade e na crueza, narre con obxectividade os tempos do descubrimento, as posibilidades e consecuencias despois da inaprazable e inmediata extirpación. Sorpréndeste da rapidez coa que prioridades e problemas quedan desprazados. O que na última conversa era motivo de tristeza e angustia case se antolla agora algo irrisorio. As dúbidas e conflitos que antes entalaban vontade e ánimo, descenden agora á categoría de anécdotas. Facer fronte á desgraza, artellar tódolos recursos posibles para parar o mal anulan calquera outra preocupación ou proxecto. No que se tarda en realizar unhas probas médicas e recibir os resultados a vida adquire un sentido diferente. Fillos, parentes, amigos, achegados, todo muda de perspectiva. A vida, ó se ver ameazada, adquire un sentido novo. Déixala falar, que remate o seu relato. Ti pouco podes dicir. Cando se corta a conversa e permaneces frío, estúpido, co teléfono entre as mans mentres rebolen na cabeza as imaxes do último paseo co amigo agora enfermo pola beira do Umia, aprendendo do seu gusto e paixón polas árbores, os paxaros, pola ledicia ante días de pesca ós que ía dedicar as vacacións, non sabes se tirar o móbil pola ventá ou abrazarte nel e chorar coma un bobo sobre un trebello que non ten alma nin fala.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado