El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ tribuna libre}

FRANCISCO DÍAZ-FIERROS

Cruz Gallastegui

05.11.2016 
A- A+

Santiago. Nestes días falouse de se era pertinente ou non o de cualificar como biólogo a figura de Cruz Gallastegui nunha rúa de Santiago, en San Lázaro,  argumentándose que a única titulación oficial que tiña o que fora director da Misión Biolóxica de Galicia era a de veterinario, polo que debía ser esta a denominación que debía figurar. É certo  que Cruz acadou o título de veterinario na Escola de Santiago en dúas convocatorias (1922 e 1923), cando a Misión tiña a súa sede nela, que figurou como membro do colexio profesional de veterinarios da Coruña e que mesmo este o distinguiu como Colexial de Honra, ademais de ser nomeado en 1931 Presidente del Consejo Superior Pecuario do Ministerio de Agricultura.
E así mesmo, non se pode esquecer que unha parte do seu labor profesional foi dedicado á mellora xenética do gando porcino e vacún. Pero tampouco se pode esquecer que a súa formación inicial foi a de agrónomo, xa que cursou estudos entre 1910 e 1914 na Real Escola Superior de Agricultura de Hohenheim, preto de Stuttgart, para obter un título equivalente ao de enxeñeiro agrónomo español que, por certo, nunca lle foi recoñecido oficialmente. Ese foi o motivo, segundo sinalan algúns dos seus biógrafos, polo que tivo que cursar outra carreira superior en España que lle permitiría estar capacitado para exercer determinadas funcións. Por outra parte, se se teñen en conta os tres anos de especialización que pasou na Universidade de Harvard e, sobre todo, na Estación Agronómica de Connnecticut a carón de D.F. Jones realizando traballos de xenética vexetal, habería que concluír que a súa formación en ciencias agronómicas foi das máis adiantadas e completas que puidera ter naquela época calquera especialista neste campo do saber.
O seu labor fundamental á fronte da Misión Biolóxica distinguiuse sobre todo polos traballos realizados cos millos híbridos, que foron dos primeiros introducidos en Europa e, sen dúbida, os pioneiros do seu cultivo en España. Neste eido de estudos agronómicos foi recoñecido estatal e internacionalmente e, para Galicia, os seus espectaculares resultados nas leiras de demostración que tiña a Misión espalladas por todo o país valéronlle o sobrenome de “mago das mazarocas”. Non se pode negar, polo tanto, que Gallástegui, pola súa formación e polos resultados e sona dos seus traballos máis difundidos, pode ser recoñecido como “agrónomo”, aínda que non tivera título oficial ningún.
Gallástegui tamén realizou traballos de mellora xenética de especies de interese silvícola como o castiñeiro, propoñendo e realizando as primeiras experiencias de hibridación da especie do país con outras resistentes á praga da tinta do Xapón.
En conclusión, poderíase dicir que seus traballos de investigación e mellora de especies afectaban tanto á agricultura como a gandería e silvicultura. Evidentemente, nunhas especialidades máis ca noutras, pero en calquera caso, no seu horizonte de traballo non se esquecía ningún sector fundamental do campo galego , do que tiña unha idea moi ben definida de por onde debían transitar os camiños da súa rexeneración. Esta idea ficou ben manifesta no seu libro “EL Campo Gallego” (1958), que vén sendo considerado coma o seu testamento científico. Neste sentido globalizador, semella que os cualificativos de veterinario, agrónomo ou forestal, cada un por si só, non serían suficientes para definir o seu labor,  polo que o título de “biólogo” sería quizais o máis acaído para abranguer todos os seus campos de saber e actividade. Bioloxía aplicada, ben seguro, pero a fin de contas bioloxía que é a ciencia que estuda seres vivos como o millo, os porcos ou o castiñeiro.
Todo isto, que máis ou menos representa o contexto histórico científico da vida de Gallástegui, non resolve o principal problema: Que denominación se lle pon na placa da rúa correspondente? Polo único título académico que lle foi recoñecido en España? Pola actividade fundamental que practicou e pola que foi sobre todo coñecido e valorado?, ou pola actividade que engloba todo seu campo de traballo?  Eu quizais me inclinaría pola segunda opción: GALLÁSTEGUI. AGRÓNOMO. Hai precedentes xa no rueiro de Santiago: “Rodríguez Carracido. Químico”, nas Casas de Ramírez,  en vez de farmacéutico que foi seu  título académico. En calquera caso, estimo que é unha cuestión aberta, que debería ter unhas normas claras e meditadas de resolución, para este ou para calqueroutro caso semellante que aparecese. O peor de todo sería caer na improvisación como tantas veces ocorreu.