El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ no pasar dos días }

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Dende aquela a esta pobreza

23.02.2014 
A- A+

TERÍA eu dez ou once anos, máis ou menos, nos durísimos tempos da posguerra e a ditadura, e lembro que un día me quedou gravada no fondo da memoria unha desas sorprendentes imaxes que non se adoitan esqueceren ao longo da vida. Unha tarde asomárame a un dos balcóns do segundo piso da casa da Caldeiraría, nº 50, na que viviamos, e cando estaba abraiado a ollar o voar das andoriñas que por alí aniñaban, de súpeto abaixo nun recanto das rúas practicamente desertas dobrou a esquina dunha casa un individuo famélico, miseramente vestido, cun tubo de ferro e un lazo de corda suxeito baixo o brazo esquerdo. Era o laceiro, que tiña que coller aos daquela case imaxinarios cans sen dono escapados da desesperada fame humana que, en loita coa escaseza, acababa con eles cociñándoos, como cos gatos e coas pombas da cidade. Nuns intres, cando ninguén pasaba, achegouse a unha papeleira e remexeu e atopou algúns escasos e estragados desperdicios para os comer alí mesmo ás agachadas. Eu retireime cunha estraña sensación de mágoa que por primeira vez sentía.

Neste outro extremo da miña vida, en tempos de gobernos democráticos, quizais que os caprichos da Historia (ese período continuo e indefinido no cal os eventos vitais se suceden na súa complexidade imprevisíbel) me teñan achegado, en certo xeito, a aquela vella memoria dende unha nova e brutal percepción da indixencia que asola a amplos sectores da sociedade ata extremos, en ascenso, que en Galicia (pese á súa positiva situación estatal) xa nos sitúan nuns niveis próximos ás 450.000 persoas que se ven obrigadas a viviren oprimidas na pobreza, condenadas nos máis baixos estratos sociais onde impera a miseria creada polos poderosos, porque (aínda que pareza unha dura ironía) como ten manifestado o escritor e xornalista experto en materias como Sociedad, Medio Ambiente e Economía, Jeremy Seabrook (in The Race for Richess the Human Costs of Wealth.1988): "Os pobres non viven nunha cultura diferente da dos ricos. Deben vivir no mesmo mundo creado para beneficio dos que teñen diñeiro. E a súa pobreza é agravada tanto polo crecemento económico como pola recesión e a falla de crecemento económico". Confirmándose así o seu obrigado sometemento ao novo concepto en execución do poder políticofinanceiro.

No en tanto, as ONG galegas e a Rede Galega contra a Pobreza reclaman unha máis eficaz adopción de decisións e disposicións para facerlle fronte á desigualdade, á pobreza e á exclusión social nese desequilibrio abismal entre a macroeconomía financeira e a débil e desprotexida microeconomía produtiva. Neste aspecto, sinalan as 125 entidades que se integran na EAPN-Galicia que están a se adoptar medidas pero que "son necesarios máis esforzos neste camiño para lograr reducir as cifras tan elevadas que ten Galicia. Segundo os últimos datos de decembro de 2013 o 47% dos fogares galegos vive de prestacións por desemprego, subsidios ou pensións. Ademais, [lembremos] hai máis de 448.000 persoas que viven baixo o nivel da pobreza, o que supón un 16,5% do total da poboación". A cifra de persoas en paro ascendeu a 282.600 E as corruptas?

Da Real Academia Galega