El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

vuelta y vuelta

ROCÍO OVALLE

Distopía

14.09.2017 
A- A+

OS pasos fúnebres das agullas retumbaban na noite enmudecida. O tempo, que vale o seu paso en ouro, avanzaba ineludible mentres o discurso que tiña que pronunciar ao día seguinte no Congreso permanecía inconcluso. O momento chegara, a ocasión que tanto esperara para sacar á luz a súa grande idea; unha lei insólita que lle daría a notoriedade que ambicionaba e devolvería o creto a un goberno en shock.

Durante meses reuniuse en segredo con magnates e directivos, asesores e lobistas, conselleiros delegados e socios accionistas dos máis diversos sectores. Quería reactivar unha economía deprimida, incentivar o consumo e engrosar as arcas do Estado. Todos estiveron de acordo en que, para iso, debían acabar co pensamento, co espazo que ocupa a nada improdutiva no noso sistema. Co baleiro.

O traballo previo xa estaba feito. Unha multinacional de software encargouse de crear miles de webs cun script de son imparable e contidos superfluos que deixaban aos usuarios nun estado de continua ansiedade. A industria discográfica fixo o imposible por aumentar os proxectos que chegaban ás rúas en pos dunha suposta liberdade de elección dos consumidores, mesmo versionando torpemente fitos da música clásica que vendían como novidades. Os grandes grupos de comunicación crearan centos de novas cadeas de televisión nas que só programaban realities. A DXT derrogara a prohibición de usar o claxon nos núcleos urbanos.

O Goberno, pola súa banda, incrementara as subvencións á publicidade en radio e televisión, e ata contemplaba unha axuda especial á Igrexa para que mellorase a súa difusión a través de campanarios, altofalantes e outros medios na vía pública. Aos xornais, que aínda non estaban mortos, íanos rematar cunha boa dose de propaganda: os partidos, os de dereitas e mailos de esquerdas, crearan cabeceiras propias que os quioscos estaban obrigados a expoñer baixo ameaza de cárcere, xa se sabe, por mor da socorri- da liberdade de expresión. Narcotraficantes contratando youtubers para chegar a novos públicos. Me gusta. Nas avenidas, pantallas xigantes berrándolle á xente aos ollos. Nós e os de fora. Nós e os independentistas. Nós e o inimigo... o noso Candy Crush de cada día. Me gusta. Compartir.

Todo encheuse de ruído.

O plan estaba a fornecer o resultado desexado. Tan só faltaba un golpe seco e efectista que arrincase de raíz e sen pingar calquera indicio de vida antes do caos. Os tiranos non precisan adubíos: a distopía faríase realidade por decreto. Cando foi durmir unha soa frase rompía o branco impoluto do papel: "Queda aprobada a privatización do silencio".

Xornalista