Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS

Tiven eu un amigo, xa falecido, ó que lle encandilaban os boatos, que é como disque lle chaman en idioma lusitano ós rumores. Adoitaba comentarme, con moita admiración, a práctica da rumoroloxía por parte dun coñecido e exquisito fato de escritores madrileños, amigos dos coches caros e dos restaurantes típicos, que disfrutaban de-lo-lindo espallando noticias a maior parte das veces xocosas. Mesmo aseguraba que tiñan unha a modo de sociedade secreta chamada Rúmor S.A., o tilde está ben posto, pra que soe algo anglo-saxón, pois os tales gustaban de ir a London, daquela das rebaixas de xaneiro, pra se prover de chaquetas tweed e traxes principe de Gales. Non me dixo nunca nada respecto dos pantalóns bombachos que por eiquí chamamos chanchullos.
O meu amigo tamén practicaba non pouco a non sei se nobre arte que se cita. Mesmo chegou a intentar aplicala á súa propia persoa pretendendo que servidor fixera correr a voz de que el ía recibir un marquesado como herdanza. Intentar intentéino, pero dábame a risa e non conquerín os resultados que el tanto apetecía.
O certo é que os rumores algo deben encerran en si mesmos que os fai cribles e lles permite circular sen impedimentos pola imaxinación das xentes de xeito que os asuman e lles dean carta de natureza. Nese momento de ser cridos, porque son creíbles, empezan a ser certos.
No caso do meu extinto amigo acaso fose o seu peculiar carácter algo aristocratizante, certamente, pois elitista foino en non pequena medida, o que pudese facer crible o seu marquesado. O primeiro en crer que aquelo podería ser verdade era el mesmo. No fondo do seu ser estaba convencido de ser un aristócrata. E un tanto apergaminado, si que o foi; aínda que non o parecera. O feito de se inscribir a un mesmo en certa aristocracia do espírito conleva en si, tamén en si mesma, esta tamén certa donidade prá camuflaxe.
Reparo e pregúntome a cerca deste tipo de cuestións por conta dos rumores que atribuiron, en máis dunha oportunidade, ben relacións extramaritais cunha coñecida actriz, ben paternidades cunha sobranceira política gala, a un ex coñecido presidente do governo patrio e non deixo de lle dar voltas ás razóns que os pode facer cribles como incribles resultarían os que afirmasen que, afilidado a unha ONG, o tal e bigotudo individuo andara a cavar zanxas nun país pertencente oó chamado Tercer Mundo.
Cada un é cada un, esa é a verdade, e ten unha imaxe que cáseque sempre responde a algo. A mín non me extrañaría nada que dentro duns meses alguén afirmase que o citado ex andase de mariachi, rondando un balcón cuberto de xeranios, por ver de nanmorar unha chamaquita de trenza longa e sorrisa cálida.
ac@alfredoconde.com

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado