El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

A MANDALA

ELENA VÁZQUEZ CENDÓN

Sei ata a táboa do 6!

20.04.2018 
A- A+

CHEGOU a primaveira ás Matemáticas, temos unha boa Sementeira! Onde están os novos brotes? Na implicación de docentes como Elena Vázquez Abal, que convida á Facultade de Matemáticas a estudantes de Ensino Medio ou que se despraza a Lugo enchendo o Vello Cárcere, falando das Matemáticas como o sexto sentido.

Chegou a primaveira ao libro de honra da Facultade de Matemáticas que contén unha nova achega. É a primeira dun exalumno, que veu de visita grazas ao convite do Seminario de Análise Matemática, o ourensán Óscar Domínguez Bonilla, un dos xóvenes investigadores recoñecidos co Premio Vicent Caselles outorgado pola Real Sociedad Matemática Española (RSME) e a Fundación BBVA no ano 2017.

Chegou tamén a primaveira ao celebrarse a Feira Matemática brillantemente organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (Agapema) en colaboración co Concello da Coruña e da Universidade da Coruña. Si vostedes asistiron e viron a cantidade de nenas e nenos, coas súas familias, contando e compartindo Matemáticas, coincidirán que hai brotes novos nesta disciplina que nos conforma a moitas persoas. Participar nos retos e acadar as solucións recoñecíase en "agapemos", o billete da asociación Agapema, que está revalorizado coa imaxen do benquerido Coque, sempre presente.

Eu fun á Feira con moita curiosidade, como unha nena. O noso compañeiro de Estalmat-Galicia, Victor Pollán, ten un maletín que contén moitos xogos para estimular os nosos cerebros con Matemáticas. El coordina o espazo adicado a Estalmat-Galicia na Feira, que tamén contou co apoio entusiasta de extalmateiras e extalmateiros, algunha como Marina, estudante da Facultade, que axudo a compartir Topoloxía, atando e retando ás parellas a desatarse. Este Gran equipo de científicas e científicos tamén aportou material propio, como Artúr, ou como quen escribe, que levei un mono que multiplica grazas a movementos trigonométricos precisos.

O mono multiplicador permitiume observar como o empregaron os protagonistas da feira para retar a algunha avóa. Pregunteille a un pícaro si sabía multiplicar, e respondeume con tanta seguridade como honestidade: "sei ata a táboa do 6!". A resposta xa era merecedora dun agapemo. Propúxenlle revisar si o mono sabía tamén ata a táboa do 6. Comezamos por 5x6, colocando os pés do mono no 5 e no 6. El non mirou a resposta que o mono brindaba nas máns, levantou automaticamente a mirada. O pai e eu dixémoslle que o mono tiña a resposta, e de novo flocereron as matemáticas: "eu non quero copiar, quero pensar", respostou. Deille con moita satisfacción dous agapemos.

Este mono multiplica ben, pero sobre todo xera moita empatía coas Matemáticas en grandes e pequenos. Para min o valor máis grande que pode calcular son respostas como as deste pequeno, que está honestamente orgulloso do que sabe, e que quere pensar e non copiar! Agardo que medre con estos valores e chegue a liderar proxectos nos que os proxecte!

Profesora de Matemática Aplicada na USC