Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS
É curioso ver como a Gran Recesión está mellorando a calidade ética da especie política. O mundo é mellor desde a semana pasada cando o presidente Feijoo anunciou a suspensión do tristemente célebre plus retributivo, que con moita industria veñen empetando cento e medio de funcionarios por teren desempeñado funcións de altos cargos. Nos últimos anos ningunha criatura xurídica fixo subir tanto o noxómetro popular (que mide o nivel do rexeitamento/noxo da xente) coma este arbitrema cutre e violento, de xeito que estes días a sufrida paisanía sentíu restaurada en parte a súa dignidade cívica coa caída do plus nun plis plas, nunha célere declaración. Porque, iso si: hai que falar pouco del; convén disuadir a cidadanía da tentación de reparar na caste inmoral dunha norma tan legal nacida no blackstage do iuspositivismo máis conflictualista. E chama aínda máis a atención ver como esta priva lex se estendeu metastaticamente por todo o Estado, opacada por impúdicos pactos inter e intrapartidarios, sen que ninguén mandase parar. Caladiños todos, que máis valen euros ca ethos. Venme á memoria aquilo tan pavero que dicía Bismarck: os cidadáns non durmirían tranquilos se soubesen como se fan as salchichas e mais as leis.
Total, que tivo que vir a crise para inspirar un pouco a vergonza, resultando que as mesmas voces parlamentarias que defenderon o plus miden e matizan agora a súa coveniencia. Pero non é suficiente. O que tería que producirse por parte dos tres partidos que argallaron esta opaca lex é unha petición de perdón á xente. Ao pobo, como se dicía antes. Porque, como nos recorda Gumplowicz, nun Estado de dereito non hai dereito a consagrar como legal unha desigualdade. E moito menos que isto o artellen os propios facedores de leis, sorprendéndonos neste punto o discurso renuente e reluctante do portavoz do PPdeG Pedro Puy, que aí atrás aparecía na tele en plan positivista metodolóxico, aínda afincado nos seus parámetros de suposta racionalidade formalista argumentando -ergotizando, máis ben- que o plus é un instrumento de "captación dos mellores". Non parece moi aristotélico este concepto que don Pedro ten dos mellores, porque tamén se podería dicir como maior o contrario: agás primorosas excepcións, o plus é o que máis excita a concorrencia dos peores.

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado