Lunes 22.12.2008
Hemeroteca web
|
RSS

A paisaxe é certamente monótona. Escoita un as tertulias radiofónicas, contempla as televisadas, ou lé as da prensa e xa sabe de qué vai. Na radio é o dial quen nos sinala, quen nos avisa dos comentarios que imos escoitar. Na tele, se non o costume de velos, si a ubicación dos contertulios diante da cámara, é a que nos avisa de qué opinións han manter. Na prensa é a cabeceira, con moi honrosas e sinaladas excepcións a que o fai. Dalgunha daremos conta.
Por tal camiño e non por outro ningún, chegamos a este extremo brutal no que nos atopamos. Un fin de camiño no que, aillados por un valo de ocultación, máis que de información da realidade, escoitamos, vemos e lemos non pra nos formar a nosa propia opinión, nen sequera pra coñecer a allea, senón tan só pra ratificala satisfacendo, alimentando a propia, sen sentir a penas a necesidade de ratificala. Cada un na súa idea disposto a non cambiala. Así non se vai a ningures.
Pensaba nesto o outro día de aí atrás escoitando a Fernando Ónega na tertulia de Concha García Campoy, correspondente ás mañás dunha canle de televisión que tivo o acerto de deixar que sexa Concha quen teña conta delas. Pensábao porque Fernando é un dos non moitos que escapan a esta norma, a esta habitualidade de saber xa de antemán o que han dicir. Pode pensar dende dous e tres pontos de vista, sabe poñerse no lugar do outro. Ás veces hai quen lle di que se deixe de gallegadas... soe ser xente que non é quen de ter máis ca unha soa idea. Penseino así o día no que ós dous citados lles deu a risa frouxa por mor dun malentedido que xa non recordo a que foi debido, nin en que consisteu. Tamén a min me deu esa risa incontible e saudable.
Penseino nese día e penseino á volta doutros poucos poisque houbo quen dixo que se escribo de xeito pouco explícito ou só prós que están no allo. Podo asegurarlles que non o fago por ocultar a miña propia opinión, se non por deixar que respectuosamente aboien as súas propias. As daqueles que me len pensando non en saber o que eu penso, senón en que lles dea pé a reflexionar arredor ou a partir dun tema, novo ou vello, coñecido ou non, poisque tanto ten, ten tanto. Así, unhas veces, as necoriñas do Carretas; un libro outras; calquera cousa, a maioría dos días, poisque estes son outros e ó parecer algo distintos; non moito, quede craro. Tamén que non agacho a opinión, que intento suscitar a allea. Xa me gustaría conquerilo. E ás veces hasta sí. Veremos hoxe. O cal non quere dicir que un non sexa previsible, todos o somos. Craro que uns máis e outros menos e aínda así todos temos días.
ac@alfredoconde.es

Vómitos en el casco viejo santiagués
Fuente que no mana en Compostela
El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado