El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

INVITADO ESPECIAL

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS

Cervatos

30.01.2018 
A- A+

A MIÑA salutación para Cervatos, un libro senlleiro de Lucía Novas, unha poeta aínda nova, que desde o ano 2010 non publicaba un poemario independente, malia ese gusto ou obriga de encadear palabras na súa mente, pois que iso é a poesía para a autora: “a necesidade máis íntima, a substancia da vida... círculos purificadores, pomadas reconfortantes”, como escribe na súa autopoética. Con este poemario que nestas datas publicara Kalandraka Editora na prestixiosa colección Tambo, a poeta instálase nunha nova banceira, arriscada sen dúbida, mais sen carruncho. A de pór en palabras a “beleza do efémero, dos obxectos superfluos e das atmosferas kitsch”. Poesía pois do fuxidío, da variabilidade, da indeterminación, dos retallos que están na esencia do vivir, como esa cadeíña fina, o fento silvestre, on encaixes “sobre a pel /extraviados”. Mais tamén do amor e do desexo, que xorden como abrollos e que devoran mesmo desde a nostalxia ou que nacen “na liña moura do teu ventre”.

Pero, sobre todo, poesía en. Poesía esteada no vigor das palabras da lingua de noso, na súa eufonía, no efecto da súa sonoridade e harmonía que actúan na función rítmica do poema. Cada palabra pode ser un poema. Abonda con ler o primeiro: os gatos monteses, os arandos, os lobos, as tobeiras, as crisálidas, as orquídeas... as saias con amidón, as cabanas, os teixos, o cuarto da costura, o xenxibre, as campánulas...

Poesía híbrida erguida coa técnica da colaxe. Unha escrita lírica que, ao xeito de certas artes plásticas, combinas materiais moi diversos, procurando un experimentalismo que acentúa a complexidade orgánica e a tensión polisémica do texto. Un procedemento que empuxa o poema por esa vía da trangresión posmoderna dos xéneros literarios. Lírica, xa que logo, esteada na superación do concepto tradicional de poesía. A poeta non é cativa nin da métrica nin da rima, xeradoras por veces de mares de versos aprisionados. Versos anisosilábicos, versificación libre e aberta, mais non por iso carecente de forma. A voz lírica de Lucía Novas asume con éxito a retesía de crear novas ancoraxes para os seus poemas, esculpindo, estirando, engrosando as posibilidades da lingua, a verdadeira patria do/da poeta.

Crítico literario