Domingo 21.03.2010  | Actualizado 11.11      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
[Noticia 1 de 1] Opinión » Firmas

ALFREDO CONDE

os outros días

Hoxe vou de voda, ocasión feliz

02.08.2008

3.6/5 [13 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Hoxe vou de voda. Cásase a filla duns moi bos amigos. Fano xusto corenta anos despois de que eu o fixera por primeira vez. Xa saben que eu son dos que lle collín gusto á cousa esta das nupcias e que aínda casei unha segunda. Pero non lles aseguraría que, pesie as evidencias e a liberdade da que dispoño, estea xa pra unha terceira. Sospeito que sería puro vicio.

Confeso que a min isto da familia, de compor e manter unha familia, váime cantidá. Fíxense se será certo que formei dúas. Agora pretendo sintetizalas nunha sóa. A miña. Preténdoo a despeito de que as miñas fillas sigan a formar parte das das súas nais; lóxica e razoablemente, claro. Sen embargo, pesie a querencias tales como as que tan impúdicamente me atrevo a confesar -un élles así, ou sexa, condición do animal, que diría o finado do meu pai- non choro nas vodas. A cousa non da pra tanto. Tampouco non escacho nin coa risa nin tampouco me embarga moito nelas a felicidade. Algo si, claro. Asisto. Manifesto interiormente os meus desexos de felicidade prós novos conxuxes; é dicir, que rezo ó meu xeito. Tamén miña nai, a altura dos seus noventa e tres anos, reza ó seu xeito. Faino recitando poemas de memoria, cando se desperta de mañá cedo, na hora máis chea de silencio, cando nos invade a luz e todo volve ter sentido. Ela é así. Cóntollo porque penso que explica cousas de nós, dos seus fillos.

O de chorar nos casorios, non sei por qué, é conducta que adoitan seguir maiormente as mulleres. Emocionanse moitísimo; elas, tan apañadiñas. Tan frías e distantes, tan serenas pra outras cousas e, cando chegan as benditas ocasións estas das nupcias, poñense a carpir algúns dín que mesmo coma crocodrilos. Non o xuzgo, Deus o fixera millor. Conto o que pasa.

Na voda esta de hoxe tamén haberá algunha bagoíña ca outra. Despois iremos cear e logo haberá quen baile. Eu tampouco non bailarei. Chorar si que sei, pero de bailar non teño nin idea. Ningunha. Cando hoxe pola noite teña que explicalo, que terei, deberei recordar a Monseñor Temiño Saiz. Na diócese ourensá da miña nenez e da súa pastoral predicábase que "o baile é a posición vertical dun desexo horizontal" e, xa que logo, pecado mortal de necesidade. Así, cada vez que me puña a bailar, recordábao, entrábanme gañas e, como había que ser casto e puro, deixábao de contado. Por iso non sei bailar. Casarme si. Pero iso débollo ó arcebispado holandés da miña mocidade. Afirmaban que é obriga do matrimonio a procreación de fillos, pero non de cada acto do matrimonio. A mín parecéume ben. E decidinme. Agora as cousas xa non son así. Pero sospeito que nin aquelo, nen isto. En todo caso, millor, falámolo outro día. Hoxe vou de vodas e, a verdade, trátase dunha ocasión feliz. E un anda moi necesitado delas.

ac@alfredoconde.com

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Chuza esta noticia Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

enviar

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS