El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ palabras e parole }

ISABEL GONZÁLEZ

Enganosa facilidade

07.01.2017 
A- A+

COA chegada do Aninovo, deixamos a sección [Compostela desde Italia] que quizais recuperemos noutro momento, e comezamos unha nova [PALABRAS e PAROLE] na que, como é doado deducir, ímonos ocupar dalgunhas curiosidades dos léxicos galego e italiano como por exemplo a problemáti-
ca dos dicionario bilingües de linguas parecidas, ás dúbidas que
se presentan á hora de traducir
unha palabras cultural dunha lingua a outra (como se traduce “ferragosto” ao galego? e “ferrado”
ao italiano?). De aí o título elixido: traballar coas ‘palabras’ galegas
e coas ‘parole’ italianas pero sempre coa intención de poñer de
manifesto a enganosa facilidade
de dúas linguas afíns como son o galego e o italiano.
Non nos cansaremos de repetir que a facilidade da lingua italiana para un falante galego ou viceversa é soamente aparente porque moitas veces unha palabra indúcenos a crer o que non é. Son innumerables os exemplos que o demostran e dos que teremos ocasión de falar máis polo miúdo: “burro” é “manteiga” (a tradución do noso “burro” é en italiano “asino”), en italiano “gamba” non significa “gamba” senón “perna” e así hasta o infinito.
O noso obxectivo, xa que logo, é unicamente a análise das linguas galega e italiana postas en contacto por primeira vez nun dicionario bilingüe italiano-galego, xa publicado, e galego-italiano que estamos elaborando, o que significa que partiremos sempre dos problemas que se lle van presentar a un italiano que queira estudar a nosa lingua ou a dificultade que vai ter un galego que se queira achegar á lingua de Dante. Trataremos de subliñar algúns dos máis comúns e intentaremos resolver as dúbidas máis habituais que se poidan presentar.
Como é ben sabido, os dicionarios son a base de traballo dos lexicógrafos. En efecto, son precisamente os dicionaristas os que recollen, entre outras cousas, as palabras segundo unha orde determinada e a súa definición, se se trata dun dicionario monolingüe ou a palabra seguida da correspondente equivalencia na outra lingua, se estamos a falar dun dicionario bilingüe. Ímonos ocupar, daquela, sobre todo dos dicionarios bilingües: italiano-galego e galego-italiano.
Adiantamos xa que un dicionario bilingüe, como sabemos, é an-tes de todo un instrumento para a tradución, sexa para entender un texto nunha lingua estranxeira, sexa para escribir textos nunha lingua diferente á nosa. Se o dicionario está ben feito deberá servirnos tamén para reflexionar sobre como as linguas organizan lingüisticamente a realidade. Teremos ocasión de comprobalo.
En definitiva, bortelaremos as “palabras” galegas, peneiraremos as “parole” italianas e remexeremos nas verbas para pescudar sobre o léxico de ámbalas dúas linguas románicas semellantes e, polo tanto, con moitas cousas en común, pero tamén con moitos problemas, que non só non se ven a primeira vista senón que nos poden levan a confusión ou mesmo a erro precisamente pola enganosa facilidade.
Iremos examinando, na medida das nosas posibilidades, cada problema en particular do léxico galego e italiano. Pensamos que pode resultar curioso e suscitar algún tipo de interese.
Catedrática de filoloxía italiana USC