El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{ palabras e parole }

ISABEL GONZÁLEZ

Traducir

04.05.2017 
A- A+

XA nos temos referido ás palabras culturais e ao léxico especializado porque ás veces, non é doado resolver as equivalencias léxicas entre dúas linguas afíns como son o galego e o italiano. Con frecuencia achamos este tipo de dificultades na denominación de elementos do mundo animal –os peixes ocuparían o primeiro posto- e vexetal, non soamente con respecto a especies endémicas, senón tamén a aquelas cuxa presenza é máis abundante en certas zonas.
En Galicia, a variedade de pescados/peixes e mariscos do Atlántico conta con non poucos sinónimos e variantes. Na tradución da maior parte destes termos ao italiano -a pesar de que contamos coa nomenclatura científica- é difícil atopar a equivalencia adecuada e, aínda nese caso, os termos seleccionados non son tan habituais na lingua italiana, polo que resultan dificilmente atribuíbles a unha realidade concreta para o usuario da lingua de chegada. Cantas veces imos comer cun amigo italiano e cando nos traen a carta non sabemos o equivalente para determinado peixe que lle gustaría coñecer para pedilo?
Dentro deste campo pensemos, por exemplo, na voz galega (e castelán) “percebe” que non é o equivalente exacto do italiano “lepade”, e que figura nos dicionarios italianos tipo Zingarelli, como “crostaceo cirripede marino fornito di lungo peduncolo che lo fissa a un sostegno sommerso”, que non é mala solución, perante a imposibilidade de proporcionar equivalente.
Outras voces como “batea” non adoitan figurar nos dicionarios italianos ou, polo menos, co valor máis difundido na nosa terra. No dicionario Zanichelli: “(para mariscos) vasca di legno per l’allevamento di frutti di mare”. Con esta explicación, dificilmente se pode deducir o que é unha batea, e tal vez imaxinalo, se nunca a temos visto. Se un italiano acode a un dicionario monolingüe de español, atópase con que o da Real Academia Española define “batea” como “Plataforma de madera que se coloca en el mar para la cría o cultivo de mejillones y otros moluscos” e o mesmo que no dicionario CLAVE “construcción cuadrada, generalmente de madera, que se coloca en el mar para la cría de mejillones”. Non se alude ás cordas e non se di onde se pegan os mexillóns.
Todos estes exemplos como tantos outros referidos á ictioloxía e á acuicultura demostran que, en moitos casos, non é doado atopar un equivalente exacto entre as dúas linguas, neste caso o galego e o italiano polo que, parécenos necesario ofrecer unha explicación que debe ser, iso si, clara e breve -se é posible- pero suficiente. Para o caso de “batea”: “vivaio di cozze sul mare” precisando que se trata dunha “struttura di legno flottante non lontana dalla costa dove s’installano delle corde per l’allevamento delle cozze” .
Esteamos moi atentos e non fagamos realidade o proverbio italiano “traduttore-traditore” porque aínda que a proximidade cultural contribúa a facilitar o labor do lexicógrafo, temos que precisar moi ben precisamente porque “precisión” non é sempre “precisione” senón “bisogno” é dicir “necesidade”.
Catedrática de Filoloxía Italiana USC