El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

LOS REYES DEL MANDO

JOSÉ MIGUEL GIRÁLDEZ

O día de todos os días

17.05.2018 
A- A+

SEMPRE digo que hai poucas cousas máis emocionantes en Galicia que o seu día das letras. Facer unha festa da lingua e a literatura é o máis fermoso que pode facer un pobo. Mellor, se pode ser, que sexa hoxe o día de todos os días. Xa vai para longa a tradición, e aínda que o que importa é o cotián, tamén é certo que a cultura adoita permanecer esquecida ou disminuida, pois as letras non berran, senón que borboriñan. Non é hoxe un día de folganza, senón un día atarefado, enormemente cheo de palabras. Cómpre dicilo. Gústame a cultura atarefada. A que se mestura coa rúa, a que toca cos dedos a realidade. Memoria e homenaxe, mais sobre todo, é importante traer a música das palabras ao momento presente. 

A estas alturas do día as biografías de María Victoria Moreno están en todas partes. Rescatada, ao fin, non exactamente do esquecemento, senón da súa condición de galega que vén de fóra e descobre de súpeto o gran tesouro da lingua. Lin, de canto apareceu estes meses, a emotiva biografía de Montse Pena para Galaxia. É un exemplo. Pero as achegas editoriais amoréanse nas librarías nestas datas, porque esta é unha das grandezas do día das Letras Galegas: espertar os textos durmidos, espir o que o tempo cubriu, facer que a memoria fale. María Victoria Moreno vai ser moito máis coñecida despois desta festa de maio, e iso xa é moito, e xa é un triunfo, e xustifica que esta terra celebre a literatura dunha maneira festiva, popular, cunha presenza mediática que desexariamos para todos os días do ano, naturalmente.

Pasei a xornada de onte escoitando falar das mulleres na literatura. Non hai moitas cun día das Letras Galegas para elas, pero haberá moitas máis. Porque, como dicía John Montague de Irlanda, Galicia tamén ten un enorme exército de poetas (e moitas, son mulleres). En Coruña, en Filoloxía, escoitei a Rosalía Fernández Rial falar con enorme paixón da literatura das marxes: como un vinilo, como unha pandeireta. O centro son as marxes. A periferia é o novo centro: o mellor sucede sempre no lugar de contacto, na liña do horizonte. Pola tarde, nunha longa charla que mantiven coa intrépida Arantza Portabales, que escribe en galego e tamén chegou de fóra (é filla de emigrantes), volveu saír a palabra periferia, como unha das grandes palabras. En Coruña escoitei tamén, no acto de celebración por María Victoria Moreno, a Belén López, de Baía Edicións e a Marica Campo. Apareceron no aire, gozosamente, todos os nomes de muller que van construíndo as nosas letras, que son moitos, moitísimos, e que teñen a Rosalía como gran capitana. Temos un fermoso exército de palabras e un exército de palabras femininas. Como dicía Montague.

Agora que coñecemos mellor a María Victoria Moreno sería de xustiza volver ao seu maxisterio. Reconstruír a importancia e a emoción de descubrir unha lingua e quedar para sempre a vivir nela, como quen atopa un refuxio cálido. Quedarannos os seus textos, a súa paixón pola educación: “o meu corazón florece nas aulas”. E o seu espírito lorquiano. Filóloga por enriba de todo, tradutora imparable, como di Montse Pena, gran valedora da sensibilidade e do texto exacto. Temos que ser como ela: adiantados sempre ao noso tempo.