Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Google

Martes 17.06.2008      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

[Noticia 1 de 1] Opinión » Firmas

ALFREDO CONDE

os outros días

Laxeiro era todo un mundo

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

3.2/5 [14 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti

Nos días crepusculares de vez en cando hai luces. Non recordo se foi Castelao ou se foi Risco quen dixo que Galicia é un mundo. Perdoen as desaveniencias. "Ti dis, Galicia é pequena. Eu dígoche, Galicia é un mundo". A cousa empezaba así. En resume, fose Risco ou fose Castelao, os dous tiñan gafas. Perdoen a irreverencia. Quérolles dicir que miraban ben. E vían.

O mundo este, chamado Galicia, élles moi mirado nalgunhas cousas. Noutras non llo é nadiña. Fíxense se será certo que, a estas alturas, aínda non se sabe ben se cómo se chama é Galiza. Se Galiza, ou se Galicia. O problema é que se así, hai que mirala dun xeito e, se se chama asá, hai que mirala doutro. En fin, no país este, hailles moitas miradas, moitos xeitos de mirar, miróns abondo e algúns ceguiños. Ouh, país de lusco e fusco, país crepuscular, que se di!

En Boiro instalaron Unha mirada máis. A de José Otero Abeledo. Anunciana nunha bandeirola na que asoma a efixie do pintor, parapetada tras dunhas gafas de grosa solidez, repousando enriba do nome co que asinou os seus cadros: Laxeiro. A cor da bandeirola é ocre, diríase enferruxada, de xeito que a ollada do pintor destaca sobre branco; resulta pura. Érao.

Laxeiro era todo un mundo. Nel collían as realidades todas, todas as abranguía, de xeito que agora todas as miradas son posibles a partires da súa. Por iso é un pintor universal. Decatarse non é difícil. Condensalo nunha mostra de pintura, si. Comunicalo, convertindo ó espectador no lugar xeométrico no que converxen todas as miradas laxeiriáns, élles un milagre. Só así se explica que unha pequena exposición da obra dun gran pintor deveña en antolóxica. Na Casa da Cultura de Boiro hai milagre.

Contemplar a mostra Unha mirada máis, instalada en Boiro, é habitar un mundo. Permíteo o recorrido circular co que o espectador pode axexar a obra dende unha situación, diríase que claustral, como se permanecese nun interior placentario, envolvido no líquido amniótico no que estivese a flotar, ingrávido. Trátase dunha viaxe circular, pechada, completa. Antolóxica. A obra cabal dun pintor resumida na pequena e cupular sala de exposicións da Casa da Cultura dunha vila puxante pola que un transita, en hora crepuscular, nun día de calor, ata se sentir convocado por una bandeirola que axita o vento e flamea convulsa. Procuren ir cando non haxa nadie e vostedes poidan ocupar o centro dese mundo e deixarse ir xirando, xirando, ó par del, seguindo o compás que marcou quen dispuxo que esa e non outra fose a obra, que esa e non outra fose a disposición dos cadros. Verán que, nesto das miradas, tan importantes lles son unhas coma outras. Ata as nosas. As nosas tamén cando son debidamente convocadas. Cousas da luz, cando se comparte.

ac@alfredoconde.com

Reducir texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe tu comentario

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado.
Si no lo eres regístrate ahora

1000 Caracteres disponibles

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

Grupo Correo Gallego
Ante cualquier duda, problema o comentario
en las páginas de El Correo Gallego envíe un
e-mail a info@elcorreogallego.es. Titularidad
y política de privacidad
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS